Xantares ofrece os mellores produtos galegos en ExpoZaragoza

O pavillón de Galicia na Exposición Internacional de Zaragoza, un dos que está a colleitar un maior éxito entre o público asistente, acolle este mes a importantes restauradores galegos que levarán á capital aragonesa os mellores produtos do país. Abre a programación a asociación Xantares, con Nixon, Chus Castro (Bitadorna), Toñi Vicente e Chef Rivera á cabeza. Ofrecerán menús típicos da cociña galega pero cun toque de modernidade e exquisitez que coida os puntos de cocción e a presentación ao máximo.

Os asistentes poderán degustar Salpicón de Bogavante, Pementos de Padrón, Mexillóns en Escabeche ou ao Natural con aroma de Albariño, Empanada de Millo con Berberechos e Polbo á Feira. Nas semanas seguintes tocaralle o turno a Amigos da Cociña Galega e á Asociación de Restaurantes Rías Altas mentres que Lareira será a encargada de pechar o mes.
Á parte, o día 12 de xullo, Xantares será a encargada de elaborar o menú dunha cea de gala que se celebrará no pavillón de España e á que asistirán, entre outras autoridades, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco.