Nova edición de Termatalia

O recinto feiral de Expourense acollerá, do 3 ao 5 de outubro, unha nova edición de Termatalia que reunirá a fabricantes, proveedores de bens de equipo, cosméticos e servizos con comercializadores finais, xunto coa a oferta turística tanto de establecementos balnearios como de talasoterapia e spa procedentes de todo o mundo. Esta nova edición foi presentada en Madrid coa presenza do director xeral de Turismo, Rubén Lois, o tenente de alcalde de Ourense, Alexandre Sánchez, o presidente do Instituto de Calidade Turística, Miguel Miroens, o presidente de Villas Termales, Francisco Sánchez Vidal, e o presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Ovidio Fernández Ojea.

O salón habilitará tres puntos dinamizadores importantes. Dunha banda, o espazo balneario, que recreará as distintas áreas dunha estación termal; o bar de augas, que ofrecerá aos visitantes degustacións gratuítas do líquido elemento envasado en diferentes países e, ademais, os asistentes á feira poderán gozar dunha sesión de masaxe ofrecida polas escolas de fisioterapia.