A Mostra da Conserva, referente nacional

Os organizadores e participantes na I Mostra de Exaltación da Conserva que se celebrou no concello pontevedrés de Ribadumia realizaron un balance moi positivo desta primeira edición, tanto polo nivel de visitantes como pola colaboración acadada entre o sector público e os empresarios da conserva. O presidente da Deputación, o ribadumiense Rafael Louzán, comprometeu o apoio da institución provincial a esta convocatoria coa intención de que a edición do vindeiro ano se organice "con maior amplitude de miras e que chegue a ser un referente nacional". A alcaldesa, Salomé Peña, recordou que se trata dun sector "moi importante na comarca".

Pola súa banda, os empresarios loubaron a colaboración acadada e sinalaron que pode abrir novas perspectivas de promoción conxunta das diferentes marcas. O Concello calcula que se achegaron ata a mostra unhas 5.000 persoas.