Manny Fontenla en Galicia augura anos de bonanza

O conselleiro delegado da segunda turoperadora máis importante do mundo augura uns anos de bonanza para o turismo en Galicia e incluso un sensible crecemento, especialmente no vindeiro lustro. O galego Manny Fontenla-Novoa é un dos homes que máis coñece o sector, non en van conseguiu chegar a dirixir Thomas Cook, firma que move anualmente a 20 millóns de viaxeiros por todo o mundo. Contrariamente ao que se podería pensar, ante a recesión económica que estamos a padecer, este veciño de Cuntis emigrado de neno ao Reino Unido considera que o turismo en Galicia vai vivir uns anos moi bos e que non hai por que temer á crise. Nese sentido, apuntou a que as potencialidades de Galicia poida que non estean relacionadas directamente co turismo de sol e praia senón cun turismo máis cultural, natural e etnográfico, baseado na paisaxe, a riqueza patrimonial ou o viño. A este respecto, lembrou que en Inglaterra se consumen cada vez máis viños galegos e que as rutas polas adegas son un produto moi interesante.
Manny Fontenla-Novoa asistiu á festa anual de Cehosga, celebrada en Vigo, onde foi galardoado pola súa traxectoria.