Máis de 3.000 persoas participaron no Comilonum

Segundo estimacións da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo, máis de 3.000 persoas participaron no Comilonum, no que foi unha das súas mellores edicións, sobre todo no eido gastronómico e na organización. Improvisadas mesas arredor da Muralla con manxares de estilo romano: albóndigas de xiba, año galego asado, torta de améndoa e viño Mencía galego da Ribeira Sacra para acompañar, do que deron boa conta os asistentes.

Baixo un sol de xustiza, os convidados -entre eles o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e membros da Confederación de Hostalería de Galicia co seu presidente, Juan Silva, á cabeza-, xantaron coma auténticos césares, aplaudindo ao paso das carrozas e dos exércitos romanos. A cidade enteira vibrou no Arde Lucus cun cheo absoluto nos establecementos hoteleiros, por enriba doutras citas festivas coma o San Froilán.