Freixenet busca emprazamentos en Rías Baixas

A firma catalana Bodegas Freixenet busca novos emprazamentos en Rías Baixas tras non resultar adxudicataria do Pazo Baión, finca que viña explotando dende que fora incautada ao narcotraficante Laureano Oubiña. A marca catalana comezou aquí a producir o seu Albariño, Rías Baixas Vionta, e pretende continuar en Galicia para seguir coa produción deste viño pero noutras fincas. Pola súa banda, Condes de Albarei, que resultou adxudicataria do Pazo Baión, pretende convertilo nun referente do enoturismo en Galicia para o que será necesario realizar unha forte inversión.

Por outro lado, é posible que o viño que se produza nesa finca saia ao mercado cunha marca propia. Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural avaliou positivamente a adxudicación do Pazo a unha adega de capital galego e cooperativo.