A crise non frea o turismo en Galicia

Co inicio do mes de xullo dáse o pistoletazo de saída á temporada máis forte para o turismo en Galicia polo que, tanto o sector como os responsables políticos, avanzan as súas expectativas de cara ao resultado da mesma. Os profesionais cren que o periodo de recesión económica que vivimos, lonxe de ter consecuencias negativas no turismo, pode ser unha oportunidade de negocio, sobre todo de cara ao turismo interior, polo feito de que os viaxeiros poidan replantexar as súas vacacións cara destinos máis próximos. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, considera, de feito, que a pesar da crise, os turistas non van renunciar ás súas vacacións e lembra datos como o incremento do 2,25% no número de viaxeiros a Galicia nos primeiros cinco meses do ano.

Outra cousa é o gasto que eses turistas realicen, que pode ser menor que en épocas de bonanza económica. Nesa misma liña se manifestaron o director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o presidente da Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (Cehosga), Juan Silva, que confían en que se manterá o número de visitantes de anos anteriores. Lois declarou, ademais, que o seu departamento traballa na consolidación do Camiño de Santiago pero tentando evitar a saturación “porque corremos o risco de morrer de éxito”.