Aprobados os estatutos da Academia Galega de Gastronomía

O Consello da Xunta aprobou a creación e os estatutos da Academia Galega de Gastronomía, organismo que leva máis de dez anos constituído e que ten como fins o estudo, o coñecemento e a promoción das ciencias e das artes culinarias, ademais da promoción do seu valor etnográfico a través da investigación e a práctica das cociñas propias das distintas bisbarras e parroquias galegas.

O texto recolle que a Academia estará integrada por cincuenta e dous académicos titulares, académicos correspondentes, mestres da arte e académicos de honra. Os órganos reitores da Academia son o pleno e a xunta reitora. Este paso é un respaldo ao traballo desenvolvido ata o momento pola entidade, que ten entre os proxectos de futuro, a edición de guías gastronómicas e a investigación de novas receitas con que realzar a gastronomía galega.