Ampliación do contrato homologado en O Ribeiro

A Mesa do viño da D.O. Ribeiro aprobou a prórroga durante tres campañas máis do contrato homologado que rexerá a compra-venda de uva de castes autóctonas.

Este acordo completa a política de estabilidade do sector vitivinícola que xa se iniciara nesta D.O. coa sinatura do primeiro contrato homologado, en setembro de 2006. Incrementouse nesta ocasión o número de adegas asinantes, pasando das catro que o apoiaran inicialmente en 2006 a arredor de vinte nesta ocasión, representadas pola Cooperativa do Ribeiro, a Asociación de Embotelladores, Adegas Campante, Pazo do Mar, Rodríguez Méndez e Adegas Cunqueiro. Así, practicamente todo o sector transformador queda adherido a un contrato no que se fixan uns prezos mínimos de referencia para a venda do kilo de uva das variedades recomendadas entre un 6 e un 10% superior ás contías recollidas no primeiro ano de vixencia deste mecanismo.

Durante a reunión tamén se negociou a posibilidade de artellar prezos de referencia para as variedades autorizadas, nomeadamente o Xerez.