Rutas enomarisqueiras: impulso a tres bandas

A partir de maio, os turistas que se acheguen ata a Ría de Arousa contarán cunha nova posibilidade de ocio: a realización dalgunha ruta turística sobre o marisqueo na localidade de Carril (Vilagarcía de Arousa). Esta actividade, promovida pola Asociación de mariscadoras “Os Lombos do Ulla”, conta coa colaboración da Consellaría de Pesca, que aporta máis de 15.000 euros.

Aintención é divulgar a actividade destas traballadoras do mar a través de visitas guiadas e material de apoio. Unha das rutas vai da Praia Compostela ata a lonxa, pasando polo porto.

No primeiro punto explícanse diferentes contidos vencellados á actividade marítimo-pesqueira, mentres que na área portuaria os visitantes observarán as embarcacións de baixura e as artes de pesca empregadas polos mariscadores a flote, así como os parques de cultivo.

Xa na lonxa, a mariscadoraguía exporá como é o sistema de venda. O segundo percorrido centrarase nos Lombos do Ulla, pero só se realizará durante a baixamar. A guía detallará a importancia deste banco, facendo especial fincapé na explotación racional dos recursos.

Ao remate das visitas farase entrega dun receitario de moluscos bivalvos no que se recollen as especies que son capturadas polas mariscadoras de Carril. Por outra banda, seguen a consolidarse as denominadas “Rutas do Viño de Galiza”, que contan co apoio das consellarías de Medio Rural, Innovación e Industria e Cultura.