Hosteleiros de A Coruña, falade galego

Sabor a galego é o lema da campaña promovida polo Concello da Coruña para a promoción do uso do galego e en apoio da candidatura da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade.

Nesa iniciativa da Consellería de Normalización Lingüística colabora a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña. No transcurso da feira Hostelmás, que terá lugar do 19 ao 21 de febreiro en Expocoruña, darase a coñecer o logotipo definitivo; un lema que relaciona a calidade da hostelería coruñesa co uso da lingua galega e o faro romano.

A campaña consistirá na elaboración das cartas de menú traducidas a tres idiomas: inglés, castelán e galego. O deseño será común para todos os establecementos, se ben haberá tres modelos en función do tipo de local: restaurante, cafetería ou bar de tapas.

A imaxe corporativa da campaña poderase ver en manteis, acendedores, bolígrafos e demais merchandising dos restaurantes, cafeterías e bares incluídos na iniciativa. Ademais, colocarase
un distintivo nas portas de entrada dos establecementos, que consistirá nun vinilo adherente que reproducirá o logo da campaña xunto a unha imaxe da cidade.

A campaña conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e institucións de distintos ámbitos relacionados coa promoción da hostelería.

Os asociados que se sumen á iniciativa poderán facelo de maneira totalmente gratuíta. Cada local inscrito recibirá cen unidades de cada un dos elementos de merchandising e unha pegatina identificativa da campaña.