O Castro das Travesas, en Carral, declarado colección visitable

O Consello da Xunta de Galicia deuo visto e prace ao recoñecemento do Castro das Travesas (Carral, A Coruña) como colección visitable. Con 12 hectáreas de superficie, trátase do maior castro da provincia da Coruña, e constitúe unha pequena cidade cuxa importancia está asociada ás vías de comunicación da antigüidade, que facilitaban a chegada a este enclave dos materiais atopados nas escavacións nos anos 2007 e 2008.

A Xunta de Galicia recoñece con este acordo unha iniciativa na que conflúen dúas vertentes. Por unha banda, a divulgación do patrimonio cultural galego no contexto da encrucillada en que estaba situada o castro ao confluír, pola súa proximidade á vía romana XX (Per Loca Marítima), os tránsitos desde as Mariñas e A Coruña cara ao interior. 

Por outra, a potenciación dunha iniciativa local que pretende impulsar a investigación e difusión do patrimonio recuperado nas escavacións do castro e, por extensión, da historia da comarca. Neste sentido, dá resposta á solicitude presentada polo Concello de Carral, apoiada cun Plan museolóxico e museográficos completo neste sentido.