O Consello da Xunta autorizou esta semana a subscrición do Convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Baiona para a execución do Plan de sustentabilidade turística en destino Descubre Baiona no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, por un importe total de 2 millóns de euros.
O obxectivo é implementar actuacións de impulso da sustentabilidade na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial, a fin de beneficiar tanto aos ditos destinos turísticos, como aos axentes sociais e aos operadores privados do sector.
O Concello de Baiona levará a cabo a reforma e renaturalización da contorna de Santa Liberata, a adecuación e mellora do carril bici existente. Levará a cabo un control de cabida e a creación dun cadro de mando para a avaliación da mobilidade, así como a elaboración dunha web e dunha app baixo o nome Descubre Baiona. No eido da mellora enerxética implantarase un sistema de alugueiro de bicicletas, levará a cabo a realización dun estudo para a mellora da conectividade urbano-rural sustentable, así como a adecuación de sendas e camiños para a mobilidade sustentable e segura.
O plan Descubre Baiona recolle tamén a creación dun aparcamento disuasorio, o deseño e sinalización de roteiros de sendeirismo, BTT e trail running, así como a realización dun proceso participativo para a creación de inventario de recursos naturais e patrimoniais do rural do concello.