Tui solicita 1,6 M€ para modernizar a praza de abastos e 300 negocios




Facer o tecido comercial e o mercado municipal máis competitivo, moderno e adaptado ás necesidades e tendencias de consumo actuais son parte dos obxectivos que persegue o proxecto de “Reforma e modernización do mercado municipal e dixitalización e revitalización do comercio local de Tui”, segundo informa o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Comercio e Mercados, Ana Núñez.

Para a execución deste proxecto o goberno municipal vén de solicitar o apoio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para obter fondos europeos a través do Plan de Recuperacioón na liña de axudas para o apoio mercados do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

O traballo realizado nos últimos anos, tanto no que se refire á xestión económica, ao feito de contar cun plan de mobilidade, coma a adhesión a distintos programas e iniciativas coma a rede Ágora ou o Pacto das alcaldías polo Clima e a Enerxía, permiten ao Concello de Tui poder optar as distintas convocatorias das administracións estatais e europeas.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira, Ana Núñez, explican que o proxecto permitirá a revitalización do sector comercial do municipio. Así no mesmo inclúese a reforma integral do mercado municipal, que actualmente conta con preto de 20 postos e ocupa a máis dunha trintena de praceiros/as, a totalidade dos 286 establecementos comerciais do municipio, e o mercado non sedentario, que se celebra semanalmente os xoves, con preto de 140 postos.

O goberno local prevé un investimento de 1.677.189,47 € que contempla a reforma integral da praza de abastos coa transformación dos puntos de venda e a mellora da accesibilidade, así como a dixitalización do comercio local e accións de sostibilidade e economía circular. Tamén se completa con medidas relacionadas coa cadea de subministro e trazabilidade e actividades de formación e sensibilización.

Enrique Cabaleiro e Ana Núñez detallan que o proxecto responderá a unha planificación estudada na que, previamente, se realizou unha diagnose e se actuará dando resposta aos puntos febles e con accións puntuais de resolución de problemas.

Neste proxecto contémplase por unha parte a reforma do mercado municipal co obxectivo a medio prazo de obter o selo de Mercado Excelente. Para iso mellorarase a envolvente, sinalizaranse os accesos, o transporte, e as zonas interiores e exteriores. Interiormente pasará a organizarse entorno a catro prazas creando percorridos que fomentan a interacción. A zona central contará con lugares de descanso e asentos, e no perímetro ubicaranse os postos. Aproveitarase a luz natural do lucernario que se complementará con iluminación específica para as zonas principais e os produtos á venda. Crearase un espazo gastronómico, e unha área polivalente que servirá de obrador e sala de formación e degustación para acoller cursos ou charlas. Outras das melloras contempladas son a instalación de sistemas de aerotermia, illas ecolóxicas modulares para a recollida e separación de residuos, a instalación dun punto intelixente “smart lockers” (taquillas intelixentes para a recollida de produtos) e un sistema centralizado de control de quendas. Por outra parte levarase a cabo unha análise de tendencias de compra e de oferta da competencia.

As novas tecnoloxías estarán moi presentes nesta actuación xa que se prevé o desenvolvemento dun portal web e App para visibilizar e mercar no comercio local, o deseño e lanzamento de campañas publicitarias en soportes dixitais, unha plataforma colaborativa e un sistema de códigos QR para produtores locais, e a implantación de redes WIFI nos espazos e rúas comerciais. Outras actuacións serán a fabricación de packaging reutilizable para o comercio local. O mercado ambulante terá a súa propia App para a xestión administrativa e de información ao consumidor.

A formación é outra das liñas previstas coa impartición de cursos tanto dirixidos a mellorar o servizo e a experiencia cliente como na liña tecnolóxica sobre a implementación da web e da app o inglés básico comercial, ou sobre reciclado e reutilización. Os e as comerciantes e praceiros e praceiras tamén se beneficiarán dun mentoring individual para a integración dixital.

“O noso comercio será máis competitivo, ofrecerá un servizo adaptado ás necesidades reais do consumidor actual e promoverá a economía circular pero para iso precisamos a estreita colaboración e implicación de todos os emprendedores de Tui que deberán realizar un esforzo por aprender, por adaptarse e por innovar”, engaden os edís locais.