Ferrol pídelle o Goberno abrir ó turismo espazos militares de valor patrimonial


O alcalde departamental, Ángel Mato, reuniuse este mércores en Madrid co secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, para presentarlle os tres proxectos cos que o Concello de Ferrol concorre ás axudas do Plan de Recuperación, Transformación referidas ao sector turístico. Trátase de tres iniciativas das que Mato destacou o seu caracter novidoso, algo no que coincidiu Valdés, e que corresponden a convocatorias e liñas de axudas distintas, polo que non compiten entre si. En todos os casos, Ferrol lidera os plans, que comparte con outras cidades de diferentes puntos de España.

O rexedor ferrolán explicou que o obxectivo foi abordar tres estratexias moi diferenciadas, pero co nexo común do patrimonio material e cultural. Por unha banda, Ferrol vén traballando dende principios de ano xunto con San Fernando e Cartaxena na creación dunha rede de municipios con edificios navais militares emblemáticos. “Unha parte importante deste proxecto consiste en promover un espazo de colaboración entre o ámbito civil e o militar para abrir aos visitantes espazos de grande valor patrimonial e aproveitalos como recurso turístico”, destacou Ángel Mato, que asegurou ademais que “nace con vocación de futuro e poderían sumarse máis localidades”. Con el, Ferrol concorre ás axudas para o programa Experiencias Turismo España. Ademais da propia creación da rede, contémplase crear sistemas de información sobre os perfís dos turistas, mellorar as capacidades das empresas turísticas ou posicionar no mercado nacional e internacional o patrimonio militar e naval dos tres municipios.

Un segundo proxecto, tamén presentado a outra liña das subvencións comprendidas no programa Experiencias Turismo España, é promover unha experiencia centrada no modernismo no Camiño de Santiago, tamén con Ferrol como líder dun grupo do que formarían parte localidades con obras destacadas dese estilo arquitectónico, como son Comillas, Calahorra, Cuenca, Bembibre, Avilés e Baracaldo. Estas dúas últimas teñen, coma Ferrol, unha longa historia industrial e atopan no turismo un medio de diversificación económica, polo que, dixo Mato, “seguramente será de sumo interese compartir experiencias con elas”. Entre as accións máis relevantes, están a posta en valor dos espazos modernistas, o desenvolvemento dun plan de formación especializado, a creación dunha rede que afiance e consolide a experiencia ou o deseño dunha marca común.

Finalmente, o Concello incluíu unha terceira iniciativa na convocatoria de axudas para a transformación dixital e modernización das entidades locais que forman parte do Camiño de Santiago, integradas na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes para o seu impulso e consolidación. Trátase do proxecto Camiño Inglés desde Ferrol: O Camiño Familiar, Intelixente e Inclusivo, con Neda, Cabanas, Pontedeume, Miño e Betanzos como socios. Aínda que o alcance é máis limitado no plano territorial, inclúe obxectivos moi ambiciosos, como singularizar a ruta como especializada para experiencias en familia, aplicar tecnoloxías avanzadas ao percorrido, crear unha sinalización intelixente á vez que sostible e accesible ou, entre outras, garantir a inclusión a través da accesibilidade universal á información.