Baiona pon en marcha os programas de visitas guiadas gratuitas


Concello de Baiona aposta por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas coas que reactivar o sector turístico tras o covid-19.

Deste xeito, a Concellería de Turismo volva retomar a oferta de visitas guiadas durante o verán que tan boa acollida ten na Vila. A cidadanía de Baiona e as persoas visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural do municipio acompañados por unha guía oficial os martes e sábados desde o próximo 5 de xullo ata o 31 de agosto. O punto de encontro para a saída será o exterior da oficina de turismo de Baiona (entrada ao Parador).

Durante os sábados do mes de setembro tamén se ofertarán estas visitas guiadas gratuítas. As visitas son gratuítas e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico: oficinadeturismo@baiona.gal, ou por teléfono no 986 68 70 67.

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia, acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento Atopo Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, cun percorrido polo Centro histórico finalizando no paseo marítimo.

Tamén regresa á axenda baionesa a iniciativa “Xoves non Camiño”, o programa posto en marcha para dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa polo municipio.

O primeiro roteiro comezará o vindeiro xoves, 14 de xullo. Así, a esa data súmase o xoves 28 de xcullo e o 11 e 25 de agosto, baioneses e visitantes poderán gozar deste roteiro. O punto de partida será a oficina de turismo ás 10:00h. O percorrido será en dirección á Praza de Santa Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, cale Conde e O Burgo, a praza Vitoria Cadaval de Sabarís, finalizando o traxecto na Igrexa de Santa Cristina.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo. A duración aproximada do roteiro é de 2 horas e 30 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros. A dificultade do traxecto é baixa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar. As prazas son limitadas, polo que para será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67).