Apoio da Deputación de Lugo ó turismo sostible no rural




A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da corporación  provincial lucense, Pilar García Porto, participou en Navia de Suarna na inauguración do encontro profesional sobre Desenvolvemento Turístico en Espazos Rurais e Protexidos, organizado polo GDR Montes e Vales Orientais e o Xeodestino Ancares e Terras de Burón. Esta xornada contou tamén coa presenza do alcalde de Navia, José Fernández, e do presidente do GDR e alcalde da Fonsagrada, Carlos López.

No acto, a deputada destacou a importancia para a provincia deste tipo de xornadas, que “concordan co proxecto da Deputación de Lugo, pois facemos unha aposta decidida polo turismo como factor de desenvolvemento social e económico do rural a través dun modelo sostible e de calidade, que aproveita o potencial do noso territorio, tanto histórico e medioambiental, como cultural ou gastronómico”.

“Pódese dicir que case todo o turismo da provincia se desenvolve nun espazo protexido, na medida en que o 80% da superficie lucense está declarada Reserva da Biosfera”, destacou Pilar García Porto, quen, neste sentido, ratificou o apoio da Deputación á filosofía MaB (Home e Biosfera) que impulsa a UNESCO para este tipo de territorios porque “pensamos que o coidado do medio ambiente e a súa preservación non teñen que contrapoñerse ó desenvolvemento económico, senón camiñar da man”.

A deputada mostrouse convencida de que as xornadas inauguradas hoxe en Navia de Suarna van descubrir e analizar “novas formas de combinar as potencialidades do rural para conformar novas e diferentes apostas que atraian visitantes, que xeren riqueza e axuden a fixar poboación”.

Tras o acto inaugural, o programa continuou cunha mesa redonda sobre ecoturismo na que participou a xestora das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, Andrea Macho, que explicou o traballo da Deputación de Lugo nestes espazos a través de accións medioambientais e turísticas. Na primeira xornada tamén se analizaron Experiencias Alternativas no Rural e a Cultura Local, Rutas e Vilas Históricas.

O encontro remata este propio oves no concello da Fonsagrada, onde se falará de Territorio e Desenvolvemento Integral e Turismo e Sostibilidade en Espazos Naturais Protexidos. Ademais das mesas redondas, os participantes coñecerán espazos naturais e patrimoniais do territorio e proxectos levados a cabo nalgún destes concellos.