A Coruña busca ampliar destinos aéreos a Sevilla, Xenebra, Lisboa ou Milán


O Concello da Coruña continúa traballando para incentivar o establecemento de novas rutas aéreas no aeroporto de Alvedro. A próxima xunta de goberno do Consorcio de Turismo, que terá lugar este venres 22 de xullo, ten previsto aprobar unha nova licitación de liñas aéreas vencelladas á promoción turística da cidade.

O Goberno municipal de Inés Rey procura con este segundo concurso público para a promoción do tráfico de pasaxeiros turísticos e de negocios aumentar as liñas e as frecuencias coas que conta o aeroporto coruñés, atraer un maior número de visitantes á cidade e ofrecer unha maior oferta aérea á cidadanía. A previsión é sacar a licitación pública por lotes a promoción turística da cidade vinculada ás rutas de Sevilla, Amsterdam, Xenebra, Lisboa e Milán. Ademais, tamén se incluirá un lote adicional a Menorca, destinado ao verán de 2023.

O Concello investirá nesta licitación 1,2 millóns de euros a través do Consorcio de Turismo. O Goberno local pon como obxectivo o aumento das liñas internacionais desde Alvedro, como xa se fixo no primeiro concurso. Esta vía permite unha maior competencia polas diferentes rutas. "O Goberno de Inés Rey está traballando para ter un aeroporto de referencia internacional, que sirva para captar turistas e persoas que asistan aos nosos eventos e congresos, ademais de ofrecer todas as posibilidades de conectividade nacional e internacional á cidadanía", sinalou Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Turismo.

Cos 1,2 millóns de euros investidos neste segundo concurso, sumados aos 9,7 millóns que supuxo o primeiro, o Concello investiu xa 10,9 millóns de euros na promoción de Alvedro como aeroporto. Froito dese primeiro concurso, anunciado en outubro pola alcaldesa, Inés Rey, a terminal coruñesa conta agora con voos a Málaga e Valencia e dúas novas rutas internacionais a Londres Gatwick e París-Orly.