Os tres proxectos non produtivos aprobados polo Galp da Ría de Pontevedra


A  Consellería  do  Mar  vén  de  resolver  a  convocatoria  de  axudas  de  agosto  de  2021, pola cal un total de tres proxectos non produtivos recibiron os fondos remanentes do programa  de  axudas  ao  abeiro  da  Estratexia  de  Desenvolvemento  Local  Participativo (EDLP) do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra. 

As  axudas  suman  un  total  de  103.115,34  euros,  sendo  o  importe  subvencionable  de case cento e trinta mil euros (129.295,03€).  Os  investimentos  superan  os  dous  cento setenta mil euros (271.742,92€). 

Entre  os  proxectos  non  produtivos  aprobados,  atopamos  o  impulsado  polo  Concello de Sanxenxo para a posta en valor, mellora do acceso e protección das dunas da praia de  Areas.  O  plan  contempla  a  colocación  dunha  nova  pasarela  bordeando  a  zona  de dunas  para  acceder  ao  areal  e  a  renovación  da  que  xa  está  instalada.  A  maiores, incorporarase un valado para protexelas, limparanse de vexetación invasora, instalarase  unha  mesa  interpretativa  sobre  o  ecosistema  das  dunas  e  dispoñeranse dous módulos de aseos mixtos. 

Esta iniciativa, que conta cun financiamento do 80% da partida subvencionable, busca impulsar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas e contribuír á concienciación cidadá neste eido. Os outros dous proxectos non produtivos aprobados foron os promovidos polo Concello  de  Pontevedra  e  a  Confraría  de  San  Telmo  de  Pontevedra.  

O  primeiro  ten como  propósito  a  gravación  dun  documental  sobre  a  Xunqueira  do  Alba,  declarada Espazo  Natural  de  Interese  Local  pola  Consellería  de  Medio  Ambiente.  A  marisma constitúe un valor ecolóxico fundamental para a ría de Pontevedra, dada a súa biodiversidade e o poder de filtrado dos axentes contaminantes que ten. O audiovisual,  para  o  cal  as  axudas  representan  o  43%  da  inversión  total,  busca  dar  a coñecer  e  promover  a  riqueza  que  representa  a  Xunqueira  do  Alba  e  sensibilizar  á veciñanza na importancia da súa conservación. 

Pola súa banda, a Confraría de San Telmo de Pontevedra pon en  marcha unha iniciativa,  que  recibiu  o  100%  da  contía  subvencionable,  para  aumentar  a  vixilancia sobre seu ámbito territorial. Desde xeito, o 30% da xornada laboral dos gardapescas da entidade  destinarase a unha vixilancia especial, non soamente na loita contra o furtivismo, senón tamén na captación de vertidos e á limpeza e salvagarda da fauna e da flora. Así mesmo, teñen en mente establecer liñas de colaboración con organizacións ecoloxistas e concellos da zona como reforzo da vixilancia. 

Ante  a  falta  de  remanentes  nesta  convocatoria  de  axudas,  seis  proxectos  quedan  en lista de espera, un produtivo  -impulsado por El Encanto de Xaras S.L e consistente na posta  en  marcha  de  servizos  turísticos  ligados  á  cultura  mariñeira-  e  cinco  non produtivos. Entre eles están os tres liderados polo Concello de Pontevedra (para editar unha  guía  de  aves  da  Xunqueira  do  Alba,  sinalizar  espazos  naturais  protexidos  no ámbito  urbano  e  realizar  a  segunda  parte  do  documental  sobre  a  orixe  galega  de Cristóbal  Colón),  o  do  Concello  de  Marín  (relacionado  coa  dotación  de  servizos  aos socorristas de Mogor) e o da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (centrado na formación de propietarios de vivendas turísticas sobre o patrimonio do territorio). 

Convocatoria de marzo 

Das 14 solicitudes presentadas á convocatoria de axudas de agosto, dúas foron desestimadas por non contar con fondos dispoñibles para o obxectivo estratéxico  que perseguían, pois mantíñase un proxecto, produtivo, en lista de agarda da convocatoria de  marzo  para  tal  fin.  Foi  precisamente  esta  iniciativa,  presentada  pola  empresa  RD Suits 68 SLU, á que se lle concederon as axudas para a posta en marcha dun  proxecto turístico  en  Raxó,  en  Poio,  do  que  xurdirán  dez  novos  apartamentos  turísticos  na localidade trala rehabilitación dun edificio da vila. A iniciativa contempla a vinculación dunha oferta hostaleira de calidade coa promoción e posta en valor do sector da pesca en xeral e do sector da acuicultura en particular, prestando especial interese ao cultivo do mexillón.