Se delimita a extracción da semente de mexillón para garantir tamén o percecbe

As delegacións territoriais da Consellería do Mar na Coruña e Vigo veñen de emitir sendas resolucións nas que se delimitan as zonas de extracción da semente de mexillón en bancos naturais co obxectivo de garantir unha explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos mariños, tanto do percebe como da mexilla. Esta medida prodúcese froito de distintos informes e despois de meses de contacto entre distintos representantes do Executivo galego, das confrarías de pescadores e do sector bateeiro coa finalidade de acadar unha solución que garanta a convivencia equilibrada e unha axeitada protección dos intereses que concorren na explotación de ambos recursos.

A decisión de delimitar o acceso a determinadas zonas está baseada en criterios técnicos e é froito da análise dos datos recollidos nos últimos meses, plasmados en distintos informes, durante o seguimento e avaliación de ambas especies mariñas no litoral de Galicia. Nesta liña, pretende velar pola conservación e rexeneración tanto da semente do mexillón como do percebe e os seus ecosistemas dada a súa coexistencia nos bancos naturais.

Os informes avaliados pola Consellería do Mar mostran a necesidade de modificar as zonas de extracción da semente do mexillón -unha actividade regulada na orde do 26 de outubro do ano 2000- para preservar o percebe, polo que serán tidos en conta tamén no procedemento de aprobación dos plans de xestión do percebe -actualmente en tramitación- para o período 2022-2024, os primeiros trianuais de acordo co decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.

Precisamente, esta limitación das zonas de extracción tamén ten carácter precautorio e faise necesaria mentres non estean vixentes os plans de xestión do percebe para o período 2022-2024 pois débese dar resposta á sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 20 de setembro, que recolle que os plans de xestión do percebe son o marco axeitado para valorar o tipo de medidas necesarias para a protección deste recurso naquelas zonas nas que coexiste coa semente de mexillón.

Deste xeito, a delimitación de zonas de extracción da mexilla vén a compatibilizar o resto de medidas protectoras que afectan á recollida do percebe e manterase vixente mentres non se aproben os plans plurianuais deste crustáceo para o período 2022-2024. Neses plans será nos que quedarán delimitadas, tal como establece a xurisprudencia vixente, as zonas de reserva da extracción da semente do mexillón dentro do ámbito de cada plan.


Contactos co sector

A Xunta lamenta a imposibilidade de expoñer estas medidas na Comisión do Mexillón celebrada onte ante a negativa dos representantes dos bateeiros a escoitar calquera proposta. Neste sentido, a Consellería do Mar lembra que esta regulación é a máis equilibrada posible para todas as partes e que se apoia en meses de traballo e diálogo coas distintas partes implicadas, nunha importante análise técnica e no que establece a última sentenza sobre esta materia.

O Executivo galego considera que a ruptura do diálogo non é a solución e lembra que a Administración ten a obriga de velar polos intereses de todas as partes interesadas, sen favorecer a unhas por enriba doutras. Por iso, subliña que a extracción de percebe e a produción de mexillón son sectores estratéxicos obrigados a convivir, polo que é necesario que conten cunha solución fundamentada e equilibrada para o desenvolvemento normal das dúas actividades.