Recoñecemento a Mel de Galicia no I Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario


O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos Corral, fixo entrega no Pazo de Quián, en Sergudedunha mención especial ao proxecto ‘Identificación de marcadores específicos para garantir a calidade e autenticidade do Mel de Galicia’. Este proxecto innovador seleccionado pola Xunta de Galicia, xunto con outras dúas iniciativas, recibía este recoñecemento tras a súa presentación no I Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, organizado pola Consellería do Medio Rural, e que se celebraba o pasado 18 de decembro na Cidade da Cultura. Nel dábanse a coñecer un total de 32 proxectos piloto e de grupos operativos rematados no ano 2020.

‘Identificación de marcadores específicos para garantir a calidade e autenticidade do Mel de Galicia’ é un proxecto presentado polo grupo operativo liderado pola IXP Mel de Galicia, no que participan o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. O seu principal obxectivo é o desenvolvemento de metodoloxías analíticas para mellorar a capacidade de discriminar tipos de mel e identificar compostos marcadores que permitan a autenticación do produto. 

 Este fin acadábase tras analizar cerca de 100 sustancias orgánicas, algunhas delas especialmente relacionadas con cada tipo de mel, para proceder a autenticación do mel e mellora da seguridade alimentaria, así como a identificación de marcadores específicos que melloran a discriminación de tipos de mel. A súa aplicabilidade está clara, podendo transferirse a métodos analíticos de rutina.

Con este I Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, Medio Rural procura trasladar ao sector agroalimentario galego as innovacións e avances precisos para valorizar os seus produtos e incrementar a súa competitividade no mercado.