O Concello de Pontevedra edita un calendario con fotos do Convento de Santa Clara


O Concello de Pontevedra pon a disposición de toda a veciñanza o calendario municipal 2022 que ten como temática o Convento de Santa Clara, dada a efemérides histórica que vén de vivir a cidade coa compra do convento. O calendario de mesa recolle 24 instantáneas: 12 antigas e 12 contemporáneas do convento e da súa contorna.


Editáronse 15.000 exemplares que poderán recollerse na Oficina de Turismo da Casa Consistorial e no edificio administrativo de Michelena, 30. Ademais, estase a entregar nas xornadas de portas abertas do Convento que organiza a Concellaría de Patrimonio Histórico esta fin de semana.



O calendario amosa diversos aspectos e momentos da vida no Convento, dende os xardíns até a reforma exterior da rúa, así como traballos diarios das monxas ou o estado de conservación que presentaba Santa Clara no ano 2019, cando se fixeron as Xornadas de patrimonio invisible organizadas pola Concellaría de Patrimonio Histórico que permitiu entrar por vez primeira ao convento.


As fotos históricas forman parte do fondo gráfico do Museo de Pontevedra que quixo colaborar dende o primeiro momento con este proxecto facilitando todas as imaxes que custodia (tanto en propiedade como de distintos fondos fotográficos). O departamento do Arquivo municipal tamén participou na confección do calendario.