Novembro confirma o excelente ritmo de recuperación da demanda turística

Galicia volveu confirmar en novembro o excelente ritmo de recuperación da demanda turística hoteleira galega, rexistrando preto de 231.000 viaxeiros aloxados nos hoteis galegos onde pasaron máis de 434.000 noites, unhas cifras que triplican as acadadas o ano pasado. Galicia segue así á cabeza da recuperación da demanda turística hoteleira a nivel nacional, só por detrás de Asturias, segundo recolle o INE na súa Conxuntura Turística Hoteleira de novembro.

O  novo informe destaca que Galicia mantense nos postos de cabeza da recuperación turística tanto este mes de novembro, con case as mesmas cifras de viaxeiros que en novembro de 2019, como no acumulado do ano. No que vai de ano, Galicia recibiu nos seus hoteis 2,9 millóns de viaxeiros que pasaron 6,1 millóns de noites. Sumada esta cifra ao acumulado ata outubro de viaxeiros e noites en establecementos extrahoteleiros, Galicia suma xa case 3,5 millóns de viaxeiros e preto de 8 millóns de noites, cifras que permiten ao noso territorio seguir mantendo un comportamento 22 puntos mellor ca media nacional no que atinxe á recuperación da demanda turística. 

Por segmentos, o mercado nacional recupera o 98% da demanda turística de novembro de 2019 mentres que o mercado internacional recupérase nun 70%, ao tempo que tamén melloran as cifras de rendibilidade dos establecementos hoteleiros galegos superándose notablemente as do pasado ano –en máis do triplo- e tamén as de 2019 en case tres puntos. O volume de ingresos totais do sector hoteleiro supera levemente os 17millóns de euros, o terceiro máis elevado acadado ata o momento.

Distribución por provincias

Co 47% nas noites hoteleiras a provincia da Coruña liderou o mercado turístico no mes de novembro, seguido de Pontevedra (32%), Lugo ( 12%) e Ourense (9%), o que se traduce nunha recuperación do 95% da demanda de 2019 na Coruña mentres que Pontevedra recupera o 86%, Lugo o 76% e Ourense fica no 70% da demanda de hai dous anos.