Nava Castro: o ecoturismo, unha grande oportunidade para reforzar Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participaron na inauguración dunha xornada informativa e formativa sobre a situación do ecoturismo en España que se celebrou na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). 

Como exemplo de ecoturismo, a Xunta destaca a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, o primeiro destino de ecoturismo certificado en Galicia e tamén o primeiro en integrarse ao Club de Ecoturismo en España, ademais de estar acreditado como Destino SICTED (Sistema de Calidade Turística do ICTE) desde 2019. 

Nava Castro referiuse ao ecoturismo como unha grande oportunidade para reforzar Galicia como referente do turismo tranquilo e sostible e lembrou que a Xunta está apostar por un modelo de turismo relacionado coa paisaxe que fomentan a concienciación para o seu coidado con experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño, o turismo ornitolóxico, ou as visitas aos parques naturais. 

A directora de Turismo de Galicia destacou que a aposta pola a sustentabilidade e a calidade con servizos que asumen un compromiso ambiental contribúe á diferenciación da diferenciación da oferta turística. Tamén abordou o modelo sustentable levado a cabo nas rutas xacobeas para conseguir un Camiño de Santiago sostible co obxectivo de garantir unha mellor experiencia ao peregrino á vez que se impulsa a biodiversidade dos trazados.

Deste xeito, lembrou que no marco do Plan Director do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021 leváronse a cabo medidas de accesibilidade, eficiencia enerxética e coidado medioambiental en canto á xestión de recursos hídricos ou enerxéticos nas infraestruturas de acollida e puntos e centros de información ao peregrinos, ademais da implantación de sinalización accesible e novas tecnoloxías nos albergues.

Ademais, lembrou o traballo feito pola Xunta para contar cun Camiño Seguro, o que permitiu a súa reactivación e superar tódalas expectativas con máis 177.000 Compostelas no que vai de ano, cando a previsión de pechar 2021 por riba das 140.000 xa se acadaron en setembro.

Pola súa parte, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliñou que “Galicia posúe un incomparable patrimonio natural” que constitúe “un dos seus principais sinais de identidade” e “un valor engadido” para a oferta turística. Neste sentido, fixo un repaso polos numerosos espazos protexidos da Comunidade, que entre parques naturais, zonas de especial conservación e de especial protección para as aves, monumentos naturais, zonas húmidas protexidas, e recoñecementos de carácter internacional conta a día de hoxe co 42% do seu territorio amparado baixo algunha figura de protección. 

“En moitos destes lugares o turista pode non só apreciar a beleza do lugar, senón tamén a singularidade da súa flora, da súa fauna ou, nalgún caso, das formacións xeomorfolóxicas”, declarou Belén do Campo, quen avogou por seguir avanzando cara a un “ecoturismo de calidade”, cunha regulación da actividade dentro dos espazos naturais protexidos e apostando por ofrecer unha “boa información e atención” aos visitantes como a que, incidiu, xa se dá desde os centros de interpretación dos seis parques naturais e do Parque Nacional das Illas Atlánticas así como desde as aulas de natureza da Xunta.

A este respecto, a directora xeral avogou por combinar a actividade turística e a conservación dos espazos naturais partindo de que a afluencia de visitantes a estas zonas non ten por que supoñer unha ameaza para a súa conservación se se adoptan medidas que equilibren a súa capacidade de acollida con criterios de protección e sustentabilidade, como no caso das Illas Atlánticas ou do monumento natural da Praia das Catedrais.