Máis de 32.000 persoas acudiron ao Festival Mar de Mares

O Festival Mar de Mares rematou coa clausura da exposición da fotógrafa Barbara Veiga. En total, nesta novena edición asistiron ao festival internacional máis de 32.000 persoas. Exposicións, encontros inspiradores, viaxes en veleiro, visitas á lonxa, concertos foron algunhas das máis de 30 actividades do seu programa.

Nestas semanas de Mar de Mares, máis dun 90% da súa programación esgotou as entradas, contando con listas de espera de decenas de persoas. Desde a organización de Mar de Mares salientan “o interese do público e das distintas entidades que colaboran co Festival polos avances que desde a ciencia, o activismo ou mesmo a gastronomía nos están a axudar no coidado dos mares e que foron protagonistas do programa. Notamos unha maior implicación cada ano por entender como cada un de nós podemos ter un impacto positivo no medio mariño”.

De novo, e como é habitual desde o seu nacemento, Mar de Mares reuniu na Coruña a grandes nomes do panorama mundial da conservación dos océanos como Manu San Félix (National Geographic), Barbara Veiga (fotógrafa e activista), Ángel León (3 Estrelas Michelín), Javi Olleros (2 Estrelas Michelín), Michel André (enxeñeiro  bioacústico e director do maior arquivo do mundo que recolle os sons da natureza), Francisco Sánchez (referencia mundial de áreas mariñas protexidas) ou a Orquestra Reusónica Trío.

Novena edición no ano 2022

Ademais, tras o éxito desta edición, Mar de Mares anuncia que volverá á Coruña no ano 2022 para desenvolver a súa novena edición. De feito, a organización do Festival xa está traballando na programación para contar con salientables referentes internacionais que atopan no mar inspiración, compromiso, traballo e corazón. Volverá Mar de Mares e, como sempre, por amor ao mar.