Lugo promocionará os recursos enogastronómicos e turísticos da provincia en Xantar

A Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos acolleu a presentación da participación da Deputación de Lugo en Xantar que se celebra dende este mércores 3 de novembro, ata o vindeiro domingo en Ourense. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, estivo acompañada do director do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, Rogelio Martínez.

A institución provincial contará cun expositor para a promoción dos recursos enogastronómicos e turísticos da provincia de Lugo co obxectivo de achegarse a máis público e dar a coñecer o patrimonio. García Porto, destacou a importancia desta cita como “escaparate para  promocionar Lugo e os seus produtos, e tamén para establecer contacto con diferentes empresas de restauración, produtores, entidades públicas e privadas, e público en xeral”. 

Así mesmo, a feira dedicará o sábado 6 á provincia de Lugo, motivo polo que a Deputación organizará un taller de cociña impartido pola Asociación de Cociñeiros de Lugo, que preparará Taco carbonara celta, aguacate e po de xamón. Este obradoiro será na Aula Grupo Cuevas ás 14.00 horas e “trátase dunha demostración culinaria en directo dun menú feito con produtos propios da provincia”, destacou García Porto.

A presenza institucional nesta cita busca atraer ao maior número de persoas á provincia, potenciando a gastronomía como motor para a recuperación do sector primario e turístico, e para impulsar a economía tras a pegada da pandemia. A Deputación promove un turismo de proximidade, de calidade e non masificado e que permite unha mellor conservación do patrimonio. 

Presenza en feiras

A Deputación de Lugo impulsa a súa imaxe e promove o patrimonio a través da presenza en feiras de turismo. No mes de setembro a institución provincial deu a coñecer o seu proxecto turístico en Fitur, a gran cita turística nacional, e contou cun expositor en Turexpo Galicia, en Silleda, e na Feira Internacional de Enoturismo, en Valladolid, que se celebrou en xuño. Así mesmo, a institución provincial terá presenza cun stand en Fairway, que se celebrará do 7 ao 9 de novembro, para dar a coñecer o paso do Camiño de Santiago pola provincia de Lugo.