A Volta a Galicia retoma o profesionalismo baixo o lema Gran Camiño


Coa primeira etapa entre O Porriño e Vigo, e co apoio da Deputación de Pontevedra, a provincia converterase no próximo mes de febreiro de 2022 en anfitrioa da Volta Ciclista a Galicia que, baixo o nome de "Gran Camiño", devolverá á comunidade galega unha volta ciclista profesional por etapas despois de tantos anos, unha vez que en 2002 a Volta foi relegada á categoría amateur. Esta nova proba por equipos, que será incluída no calendario da Unión Ciclista Internacional amais de que suporá a volta á categoría 2.1, percorrerá as catro provincias galegas, unha por etapa.

Cun percorrido espectacular, a primeira etapa con saída no Porriño e chegada en Vigo suporá que a provincia sexa a anfitrioa da chegada dos equipos a Galicia. A etapa será presentada nos próximos días e contará coa colaboración da Deputación cunha achega de 100.000 euros, partida xa contemplada nos orzamentos aprobados o pasado venres.

A institución provincial sigue así na súa aposta polos grandes eventos deportivos como motor de recuperación do deporte e da actividade social e económica na provincia. Tamén pola vinculación do turismo deportivo que o Plan Estratéxico de Deportes xa establece como clave para fixar a marca Pontevedra Provincia, xa que a proba será televisada a nivel mundial. Do mesmo xeito, a Deputación pon en valor o traballo conxunto das administracións para o desenvolvemento de acontecementos tan notables como este e a necesidade de seguir coa vista posta en obxectivos comúns co fin de engrandecer o deporte e o territorio.