Contraste da promoción agroalimentaria galega en Italia



A Xunta difundiu en Italia a súa experiencia en materia de promoción da calidade agroalimentaria. Unha delegación da Consellería do Medio Rural, encabezada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou Roma para trasladar os seus coñecementos e o xeito de facer da Administración autonómica nesta materia.

Así, o grupo de expertos da Xunta lembrou que Galicia é un dos territorios de España con maior número de produtos amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, sendo actualmente 36 as “experiencias de calidade” que teñen este distintivo en Galicia.

Como parte desta viaxe, os representantes da Xunta intercambiaron impresións cos seus homólogos italianos sobre o labor de promoción e divulgación que Galicia e o país transalpino desenvolven en materia agroalimentaria.

Así, a delegación galega coñeceu, entre outras iniciativas, o centro Eataly máis grande do mundo, situado en Roma e que está centrado na difusión dos valores e na comercialización dos produtos alimentarios italianos de calidade. Nesta visita, os representantes do Goberno galego trasladaron aos xerentes de Eataly o seu convite para visitaren Galicia no futuro, con vistas a reforzar esta cooperación institucional.

O director da Agacal destacou tamén que neste centro gastronómico de Roma existe un restaurante de cociña española -unha das máis valoradas polos italianos, despois da súa propia- que incorpora diferentes referencias agroalimentarias galegas, especialmente de viños e queixos.