A Xunta de Galicia vén de presentar un recurso de reposición sobre a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que concede un mes á familia Franco para a retirada de bens do Pazo de Meirás.
O Goberno autonómico considera que a dilixencia “socava as competencias públicas de protección de patrimonio cultural de Galicia” ao non especificar de xeito explícito que a retirada de bens de interese cultural precisa a preceptiva autorización administrativa da Xunta.
Este recurso enmárcase na liña de traballo levada a cabo polo Goberno autonómico para protexer e defender o patrimonio dos galegos, como vén facendo desde o principio do proceso, apostando pola unidade entre as administracións, axustándose ao Estado de Dereito e dando pasos firmes con aval xurídico.
No que respecta ás estatuas do Mestre Mateo e á biblioteca de Emilia Pardo Bazán, con protección BIC, tras a solicitude por parte da familia Franco para o seu traslado, foron solicitados informes ás principais institucións culturais do país para ofrecer argumentos técnicos sólidos respectando as garantías xurídicas do procedemento.