Sartego, peregrinacións e Santiago na brétema

O adxectivo longo fala da duración máis que da lonxitude do Camiño de Santiago, esa rede de itinerarios que conducen os pasos de peregrinos e camiñantes a Compostela desde hai máis de mil anos. Da duración no tempo histórico e da persistencia das indulxencias xubilares por decisión de Roma.

Hoxe ampliadas (2021-2022) por causa da pandemia covid-19 que non cesa. É a terceira vez que sucede tal duplicación do Ano Xubilar Compostelán. As dúas anteriores ocorreron en 1885-1886 (para subliñar a confirmación papal do redescubrimento das reliquias atribuídas ao Apóstolo Santiago) e en 1937-1938 (cando o papa Pío XI considerou o terrible impacto dos cans da Guerra de España (a incivil).

A longa historia, que perfilaría e ampliaría os vieiros da vella Europa da cristiandade, de España e de Galicia, empezou coa inventio (descubrimento) polo 820-830 dun sartego romano con tres corpos nun espazo que daquela nin sequera tería soñado con emerxer como Santiago de Compostela.

Botouse man, con gran acerto, de elementos prodixiosos e milagrosos, das ficcións da vella mitopoiese, e o relato medrou e consolidouse, nomeadamente coa sabia determinación de Diego Gelmírez (1068-1140), primeiro arcebispo galego e dirixente con xeitos de estadista na globalización medieval. El ordenou celebrar estes misterios e activar os apoios externos, a monarquía astur-leonesa, a abadía de Cluny e o Papa. A Roma viaxou dúas veces porque os milagres non adoitan camiñar sós por riba do tempo.

Un século despois da inventio constatouse a chegada (951) do primeiro peregrino, o bispo francés Godescalco. Seguiu o esplendor no século xelmiriano, co Códice Calixtino como ariete promotor e continuou logo con luces e sombras ata chegarmos á invención do Xacobeo-Xunta (1993) e o novo esplendor das peregrinacións a Compostela nunha dimensión certamente ecuménica e marcada pola presenza no Camiño de xentes de diferentes credos e sensibilidades relixiosas.

Ao abeiro da devoción ao Apóstolo de Cristo a chamada alcanza tamén outras expresións da aventura de viaxar, coñecer e descubrir nos albores do terceiro milenio. Velaí outros elementos que, mesmo desde a dúbida, contribúen a multiplicar a carga mistérica dun fenómeno que, mais alá da fe cristiá, endexamais perdeu a envoltura bretemosa e mistérica.

Van máis de mil anos e 120 Anos Santos. Así que bo Camiño nun feliz e san 2021 (tamén 2022, por pedir que non quede). Que a xenerosa acollida, hospitalaria e solidaria, acompañe todos os pasos. Tamén os que se dirixen a Compostela de Galicia. Á Casa que din do Señor Santiago.