As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra reclaman axudas para a hostalería e comercio


As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra acordaron esixir ao Presidente da Xunta de Galicia un maior apoio aos sectores máis afectados polos efectos da pandemia da Covid-19, coma a hostalería e o comercio local, tras case un ano no que as administracións locais levan facendo un esforzo importante neste eido, a pesar de carecer de recursos e competencias.

Nunha videoconferencia na que participaron os presidentes e a presidenta das tres institucións provinciais, Valentín González Formoso, José Romé Roca e Carmela Silva, os mandatarios provinciais subliñaron que todas as deputacións e a maioría de concellos puxeron xa en marcha liñas de axudas para apoiar ao sectores produtivos máis afectados pola pandemia.

A pesar de tratarse dunha competencia autonómica, o mundo municipal demostrou unha vez máis ser o máis cercano á cidadanía dando unha resposta moito antes que a Xunta de Galicia, que chega un ano tarde.

Cómpre lembrar que estas axudas municipais e provinciais a sectores coma a hostalería ou o pequeno comercio fixéronse con recursos propios, sen o apoio económico da Xunta, a pesar de tratrase dunha competencia autonómica e de que a Xunta de Galicia recibiu máis de 200 millóns de euros do Goberno de España para poñer en marcha programas destas características. 

As deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra esixen, ademais, que a Xunta incremente o seu apoio a sectores como o da hostalería ou o pequeno comercio implantando bonificacións fiscais nos impostos de carácter autónomico que carga a estes sectores, como o canon de tratamento de lixo de Sogama, o canon de augas ou o tramo autonómico do IRPF. As tres deputación entenden que as entidades locais fixeron un importante esforzo bonificando ou suprimindo temporalmente taxas e impostos, mentres que a Xunta mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados.