Acicalado do Castelo de Doiras en Cervantes


A Deputación de Lugo destinará 95.000 euros, repartidos en dúas anualidades, para as obras de conservación e mellora do Castelo de Doiras, en Cervantes. O Presidente, José Tomé, firmou un convenio de colaboración coa Fundación Xosé Soto de Fión para mellorar e potenciar o monumento, un elemento patrimonial e turístico con gran poder para captar visitantes á comarca dos Ancares e declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Tomé explicou que o acordo enmárcase “dentro da nosa aposta por impulsar o turismo interior da provincia e por conservar e poñer en valor o patrimonio cultural. Por iso, financiamos as actuacións que permitan un mellor mantemento do Castelo de Doiras, para poñelo en valor e potencialo como referente turístico”.

Concretamente, faranse labores de limpeza e roza da vexetación, reposición de fiestras, reparación e restitución de escaleiras, portas e drenaxe do edificio, instalación de falsos teitos en madeira e varandas e dotación de novos puntos de luz exterior. Ademais, eliminaranse restos da construción, como azulexos e baldosas, e instalaranse elementos naturais como pedra e madeira.

Por outra banda, este convenio recolle traballos de investigación e divulgación, como a elaboración dunha memoria informativa; a colocación de paneis explicativos para os visitantes, así como a obriga de establecer uns horarios de apertura ao público, no que haberá un guía turístico.