Converter ao Parque Náutico de Castrelo de Miño como referente nacional e internacional é un dos obxectivos que persegue a Deputación de Ourense. Ao menos esa é a conclusión da reunión celebrada hoxe na que o presidente da da institución provincial, Manuel Baltar; a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, e o secretario xeral para o Deporte, José Manuel Lete, concordaron en acometer novos proxectos e competicións punteiras -como a "Coupe de la Jeunesse", que se disputará en 2022- para seguir impulsando a mellor infraestrutura galega do remo.
Na
reunión, que Baltar e Loriente seguiron desde o Pazo Provincial acompañados
polo ex xerente do Inorde José Manuel Rodríguez, participaron tamén José Ramón
Lete; os alcaldes de Castrelo de Miño, Cenlle e Ribadavia; o presidente da
Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; a presidenta do Club Náutico de
Castrelo de Miño, Beatriz Alberte; técnicos das federacións española e galega
de remo, e o xerente de Caldaria, Javier Soto.
Todos acordaron acometer investimentos na pista de remo do parque
náutico de Castrelo de Miño para que estea preparada antes do vindeiro verán,
co obxectivo de fortalecer os preparativos para a celebración da "Coupe de
la Jeunesse" de 2022.
Na reunión tamén se acordou a creación dun instrumento
administrativo, en forma de consorcio ou con outra fórmula xurídica, para dotar
de estabilidade ao parque náutico de Castrelo de Miño, con independencia de
cores políticas e das diferentes situacións que acontezan.