I Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo


Os vindeiros 24 e 25 de setembro vaise celebrar a I Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, no que participan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda celebrarán o e nos que son socios colaboradores o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG), a Federación Provincial de Confrarías de pescadores de Pontevedra e a asociación Mar Seguro de Galicia. 

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o congreso do día 24 de setembro, ao que poderán asistir de xeito presencial ata 30 persoas, todas elas participantes do proxecto Mar das Illas. As demais persoas interesadas en seguir o evento poderán facelo por streaming tras completar previamente o seguinte formulario de inscrición. Unha vez inscritas, recibirán un correo electrónico coa ligazón para acceder ao webinar. 

O obxectivo da xornada é múltiple, por unha banda ofrecer unha visión do estado das actividades de turismo mariñeiro e pescaturismo a nivel estatal e europeo, achegando exemplos de proxectos que se están a desenvolver, e por outra, poñer de relevo o traballo realizado ao longo de todo o proxecto, visibilizando o camiño percorrido para que sirva de exemplo a outros territorios. O simposio tamén servirá de punto de encontro e debate para as persoas implicadas no desenvolvemento do turismo mariñeiro e pescaturismo. 

A presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores; a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana Carballo, e o representante da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Carlos Aldereguía Prado, serán os encargados de abrir unha xornada que se celebrará en horario de tarde. Nela participarán diversos profesionais do turismo mariñeiro así como persoal das distintas administracións implicadas no desenvolvemento do mesmo, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo. 

O 25 de setembro, o segundo día da I Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, realizarase unha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Nela participarán a trintena de persoas que acudiron presencialmente ao congreso do día 24, integrantes todas elas do proxecto Mar das Illas. 

Dos proxectos presentados tralas titorías elixíronse seis para ensaiar mediante proxectos piloto, tres deles de turismo mariñeiro a pé e outros tres da especialidade de pescaturismo. O obxectivo dos piloto foi ensaiar e avaliar as actividades programadas así como os protocolos establecidos de atención ao público, seguridade, Covid-19, e integración da diversidade funcional (protocolo que foi acordado cos representantes das principais asociacións de diversidade funcional galegas). 

Nas vindeiras semanas organizaranse diversas actividades abertas á cidadanía para dar a coñecer os proxectos de turismo mariñeiro.