Verdegaia insta a Medio Rural a reabir os mercados ao aire libre

A asociación ecoloxista Verdegaia solicitou á Consellería do Medio Rural a reapertura de mercados de alimentos de proximidade ao aire libre, que "poderían ser máis adecuados" que as grandes superficies, e que isto se faga con controis para garantir "a debida separación" entre persoas e "evitar aglomeracións". Semellante posicionamento mantén outras orzanización como a Federación Rural Galega (FRUGA) ou Sindicato Labrego Galego.

A través dun comunicado, o colectivo critica a orde do 23 de marzo de Medio Rural pola que se pecharon estes mercados non sedentarios: "Non nos parece adecuada desde un punto de vista sanitario, pois entendemos que os grandes centros comerciais supoñen un maior risco de contaxio ao supor unha gran afluencia de persoas en locais pechados que comparten espazos, carros e certo de uso común".

Dende FRUGA veñen reiterando dende hai semanas as demandas de que estes mercados poidan abrir, lembrando "que é a Xunta de Galicia a que ten competencias para regular e autorizalos. Seguimos sen comprender a súa teima en prohibilos cando estamos vendo como outras comunidades autónomas como Cataluña ou Euskadi xa os reabriron ou outras como Baleares non os chegaron a pechar e reguláronos dende o inicio das restricións", sinalan.

Neste sentido, Verdegaia tamén asegura que "se violou o principio de non discriminación" e "marxinouse ao sector que produce nas economías locais", xustamente ese ámbito que "necesita máis apoio", tal e como asegura a asociación. Ademais, "favorécese a produción agrícola intensiva e a gandaría industrial, en gran medida causantes do problema", lamenta.

Verdegaia, á vista da subida do IPC en produtos alimentarios durante o mes de marzo, afirma que os consumidores "non poden dispor de produtos frescos e sans de proximidade e de tempada a prezos económicos", polo que "vense obrigados (especialmente no medio rural) a desprazarse ás grandes superficies para comprar produtos "envasados, distantes, caros e insípidos".

Por iso, a asociación ecoloxista concorda con entidades como o Sindicato Labrego Galego "en que unha transición ordenada e desintensificadora cara a un modelo agroecológico vai ser a única maneira eficaz de que a agricultura sexa unha ferramenta útil" na loita contra a emerxencia climática.