"Temos a venda totalmente parada" Iñaki Terrados (Licores Alicornio)

Hoxe achegámonos á realidade dun pequeno produtor coa súa base en Sarreaus (Ourense), que ten visto as súas ventas completamente paralizadas a raíz da crise sanitaria. Falamos con Iñaki Terrados, un dos creadores dos licores ecolóxicos Alicornio. 

Ata qué punto vos afectou a crise do coronavirus?

Foi un golpe moi forte, temos a venda totalmente parada. Os nosos clientes son fundamentalmente bares, restaurantes e pequenas tendas que agora están pechadas, 

O voso produto está moi asociado a celebracións, a reunións festivas que hoxe semellan lonxanas...

Si. Nós temos dúas épocas fortes no ano, unha é o Nadal e a outra comezaba a partir de Abril-Maio, cando chega o bo tempo e comeza a haber máis celebracións. E iso agora...

Ao traballar tanto con hostalería, supoño que tamén teredes a incerteza de se os vosos clientes poderán volver abrir as súas portas...

Eu espero que bares e restaurantes sigan, quizais sexan as pequenas tendas as que non teñan esa capacidade de recuperación. Ao final non entran ingresos, pero as facturas seguen chegando. A incerteza é grande.

Traballades coa venta online?

Temos tenda online, pero xa antes disto a venta era bastante pequena, témola máis como escaparate para a xente que quere coñecer os produtos ou incluso probalos antes de facer un pedido. En todo caso, nós témola activa con envíos dispoñibles para toda a provincia. Temos seis referencias, con licores tradicionais como augardente, licor café e licor de herbas e outros de froitas algo máis novidosos: de laranxa con herba luisa, de framboesas con menta e de arandos.

Pese a todas as dificultades, entendo que non tirades a toalla e vos estades preparando para intentar recuperar a vosa cuota de mercado cando pase o peor da crise. 

Si, estamos aproveitando este parón para traballar na horta, porque nós producimos as nosas propias froitas e herbas aromáticas para os licores. De feito ampliamos un pouco a produción de froita, porque algúns dos nosos clientes tamén nos compran a froita en fresco. Aproveito para darlle ánimos aos outros pequenos empresarios que están pasando por esta situación. Hai que pensar que sairemos reforzados, aínda que custe.