Os xestores turísticos coruñeses únense nunha aposta pola cooperación e a seguridade

Esta mañá arrancou o Foro Turismo Covid 19, organizado pola Deputación da Coruña, no que diversos entes de xestión turística local e comarcal da provincia puxeron en común ideas e estratexias de cara á recuperación turística, nun debate marcado pola sintonía entre ponentes que coincidiron na importancia de salvagardar a confianza nos nosos destinos e garantir a seguridade sanitaria para poder atraer visitantes durante esta tempada. 

Nun foro de dúas horas de duración, houbo tempo para falar da importancia da cooperación entre administracións e xeodestinos, ademáis da imprescindible interlocución entre o público e o privado. Tamén das vantaxes que ofrecen o turismo rural ou as quilométricas praias da provincia, dun Xacobeo 21 que debe actuar como elemento tractor, da imprescindible renovación das estratexias de comunicación e da importancia de apostar polo turismo de proximidade, cunha mención especial para unha rexión norte de Portugal que a Deputación da Coruña sempre considerou fundamental e que neste momento segue sendo estratéxica. 

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, foi o encargado de inaugurar esta primeira xornada, deixando claro que ante unha situación extraordinaria e de total incerteza como a que vivimos o diálogo é maís importante que nunca. Regueira fixo un chamamento a facer unha “difícil análise que ten que contemplar o curto, o medio e o longo prazo”, recordando que “debemos gañarnos o futuro e para iso debemos gañarnos a confianza das persoas como destino seguro e de confianza”. 

Recolleu o guante Lanzada Cayatalud, xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, que ante unha “verdadeira catástrofe con efectos todavía descoñecidos” plantexou un plan de choque con diversos escenarios e coordinación real entre o sector público e o privado, comprometéndose a que A Coruña “pronto volverá a abrirse” ofrecendo un destino coas 3 eses: sostible, saudable e seguro. 

A directora-xerente de Turismo de Santiago de Compostela, Flavia Ramil, tamén fixo fincapé na importancia de transmitir seguridade, adiantando que están preparando accións a curto prazo destinadas ao mercado nacional e outras diferentes a medio prazo pensadas para os seus principais mercados internacionais emisores de turismo, co obxectivo de manter o impacto dun Ano Santo que poderia alongarse de forma excepcional ata o 2022. 

Por parte da Reserva da Biosfera A Coruña e as Mariñas, Diego López Pedreira recordou que o rural e os circuitos curtos “deben ser parte da saída desta crise”, chamando a transmitirlle ao visitante que está nun entorno diferente e aproveitando a oportunidade para colaborar en base a un desenvolvemento sostible. Na mesma liña pronunciouse Manuel Jesús Lema, presidente da Asociación de Turismo Muxía Natural, que recordou que a filosofía do turismo rural é teóricamente o que se demanda agora, defendendo que xa temos os recursos naturais e que só nos resta poñelos en valor. 

Lucho Alcalá, xerente da da mancomunidade de concellos da Comarca de Ferrol, recordou a súa pioneira aposta polo turismo slow e recoñeceu que o turismo rural pode partir dunha situación vantaxosa, pero tamén advertiu que se non se rexenera o turismo urbano non será suficiente. Alcalá subliñou a importancia de saber canto antes en qué condicións se poderán desenvolver actividades de turismo activo como o surf, un campo no que ten feito un esforzo para formar monitores. 

Finalmente, por parte da Ría da Estrela de Muros-Noia, Sebastián Valverde asegurou que xa estiveron traballando en contacto cos empresarios da zona para artellar solucións para a crise, reafirmándose na aposta pola seguridade e informando dun cambio na estratexia do xeodestino, que diminuirá os esforzos de posicionamento e creación de marca no exterior para volcarse en apoiar económicamente ao empresariado local. 

Foron só algúns dos titulares que deixou a primeira xornada dun foro que se reanudará o vindeiro xoves 30 de abril ás 18:00 abordando o papel dos concellos no novo contexto do sector turístico. Para o vindeiro luns 4 de maio ás 11:00 está previsto un debate co mundo empresarial do turismo, pechándose o programa o luns 11 de maio as 11:00 cunha sesión sobre a comunicación e a promoción dos recursos turísticos despois da pandemia.