Comeza un percorrido virtual pola provincia de Lugo da man da Apehl

Praia das Catedrais
A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) decidiu seguir adiante coa a campaña de vídeos online Lugo, mucho por descubrir prevista antes da crise polo Covid 19. “Con esta iniciativa, queremos que a xente poida viaxar nestes momentos complicados á nosa provincia e que creza o seu interese por coñecernos persoalmente, unha vez rematado o confinamento”, salienta o presidente dos hosteliro lugueses Ceché Real. 

A partir de hoxe mesmo se comezarán a lanzar paulatinamente os vídeos nas redes de …E para comer, Lugo. “Agardamos que vos gusten e que a xente veña a visitarnos moi pronto”, engade, ao tempo que precisa que é “unha maneira máis de continuar achegando o noso grao de area para o impulso do turismo e o fomento da actividade hostaleira nun futuro". 

Neste senso, o presidente da Apehl subliña que “compartir esta trintena de vídeos de diferentes lugares da nosa provincia, espazos naturais e urbáns, monumentos da nosa arquitectura, curiosidades gastronómicas, xustamente neste momento no que a xente se ten que quedar nas súas casas e está a consultar moito as súas redes sociais pareceunos axeitado para promocionar como se merece a nosa provincia”. 

Nesta campaña de vídeos, ligada á decimoterceira edición da guía turísticogastronómica …E para comer, Lugo que leva tamén por título Lugo, mucho por descubrir e que se presentou no mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), vanse ir dando a coñecer a natureza, o patrimonio, a cultura e a gastronomía dos diferentes concellos lucenses. 

Compartiranse vídeos de localidades como Ribadeo, Viveiro, Mondoñedo, Lourenzá, Vilalba, Lugo ou Monforte; de praias salpicadas por toda a costa; doutros espazos naturais como o Cabo do Mundo e os bancais da Ribeira Sacra ou os paseos que deixan ao seu paso ríos como o Miño ou o Rato; de paisaxes de montaña como O Piornedo; do patrimonio arquitectónico, como as catedrais de Lugo e Mondoñedo, a Muralla de Lugo ou os Escolapios de Monforte; de diferentes espazos que rodean ao Camiño Francés ou de curiosidades da nosa gastronomía como a elaboración dos queixos San Simón da Costa.