Medidas urxentes da Deputación de Pontevedra ante o #COVID19


O goberno da Deputación de Pontevedra activou un novo protocolo de actuación para que as traballadoras e traballadores da institución provincial poidan acollerse a posibles medidas de flexibilidade laboral, reorganización de quendas ou traballo remoto, ao fin de minimizar o impacto nas familias. 

Desde o departamento de Novas Tecnoloxías, xa se está a traballar nunha estrutura para que as traballadoras e traballadores da Deputación que poidan acollerse ao traballo remoto segundo as necesidades dos servizos, dispoñan desde os seus domicilios das condicións de conexión adecuadas para poder realizar on line as súas tarefas. 

Museo Provincial 

O goberno da Deputación decidiu hoxe o peche do Museo Provincial de Pontevedra desde este venres, co que quedan suspendidas todas aquelas actividades, seminarios, programas e visitas ata que a se restableza a normalidade. Igualmente péchase o Arquivo Provincial. 

Unha traballadora do Museo está a desenvolver desde o pasado luns as súas tarefas desde o seu domicilio tras un contacto cunha persoa en Madrid que despois deu positivo no COVID19. A traballadora non presenta sintomatoloxía algunha pero aínda así permanecerá na súa casa nas próximas dúas semanas. 

Castelos, Escola de Cantería e Revitaliza 

A Deputación tamén pechará desde este venres os Castelos de Soutomaior e Sobroso, así como a Escola de Cantería. Igualmente suspéndense todas as actividades que se estaban a facer nos centros escolares do programa Revitaliza, e dos programas DepoEmprende na Escola, na ESO e na FP, os cursos de Labora 2020 e as actividades presenciais de SmartPeme 

Barreiras de Seguridade 

Aínda que a recomendación segue a ser evitar a presenza da cidadanía nas sedes da Deputación de Pontevedra e que o público realice todas as xestións ao través das canles telemáticas e telefónicas, o goberno de Carmela Silva decidiu tamén hoxe incrementar a protección do persoal e da cidadanía. Así, nas próximas horas procederase á instalación de barreiras de sinalización coa distancia de seguridade en todas as dependencias de atención ao público que dependen da institución provincial. Estas barreiras suporán a distancia de seguridade dun metro entre as traballadores ou traballadores que están detrás dos mostradores co público, así como entre as persoas. 

Amais, o goberno provincial, que lembra a recomendación de non celebrar reunións ou viaxes innecesarias, procedeu tamén á cancelación de novos actos como as conferencias de marzo e abril da Academia Galega de Ciencias, e mañá venres interromperase o prazo de presentación de solicitudes do programa Depotermal, cuxas quendas aprázanse ao segundo semestre do ano. 

Finalmente, quedan canceladas na provincia todas as actividades das DeporteEscolas dependentes da Deputación de Pontevedra. Son 209 nas que participan máis de 10.000 nenas e nenos.