A programación do Xacobeo chega en marzo á Coruña

O programa Xacobeo Cidades levará aos grandes núcleos urbanos galegos a programación do Xacobeo. Unha das primeiras en estrear actividades será A Coruña, que comezará a quentar motores para o ano santo dende o vindeiro mes de marzo cun completo programa no que destacará un concerto central, o festival A Coruña Emerxe, dirixido a potenciar o talento local e a presenza na escena cultural de grupos e artistas emerxentes.

Tamén está prevista  unha gran exposición e un evento de cultura tradicional no que participarán grupos de raíz. No eido cultural, levarase a cabo unha acción dialogada coas entidades culturais de base que busque a súa implicación no contexto global da programación, un ciclo de outras músicas, o concerto A Coruña Importa, que atraerá a Galicia talento internacional e diferentes actividades escénicas de rúa. 

O público xuvenil tamén contará cunha programación específica e, dentro do ámbito turístico, promocionarase a cidade da Coruña como destino para congresos, feiras e conferencias.

Para avanzar na programación o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse onte coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurando que o Xacobeo Cidades na Coruña permitirá crear “marcos de programación innovadores e destacar o talento, patrimonio e recursos turísticos da cidade”. 

No transcurso da reunión, a primeira que se celebra para coordinar o programa nas distintas cidades, Román Rodríguez e a alcaldesa da Coruña abordaron os piares básicos para desenvolver unha programación de impacto desde o ámbito xacobeo e acordaron as colaboracións necesarias por parte do Concello e do Goberno autonómico que permitan executar este programa.

O conselleiro de Cultura e Turismo tamén aproveitou o encontro para destacar que a cidade da Coruña ocupa un lugar destacado dentro do panorama xacobeo, pois é unha das dúas cidades nas que comeza o Camiño Inglés, un trazado que no 2019 foi percorrido por preto de 16.000 persoas. Esta cifra supón un crecemento de case 5 puntos porcentuais en relación ao pasado ano.