A Mariña recupera as voces das mulleres do mar

Dentro da programación organizada pola Deputación de Lugo polo aniversario do Museo do Mar de San Cibrao organizarase o proxecto “Amar a mar: mariñas, marosas e maruxainas”, que pretende visibilizar a memoria e a cultura mariñeira nas comarcas do interior.

Trátase dun proxecto colaborativo que toma o mar como referencia xeográfica e vivencial e no que participan o músico e escritor Xurxo Souto e o fotógrafo Ignacio Castro “Nachok”, involucrando tamén o tecido asociativo e a comunidade educativa da Mariña Lucense.

Xurxo Souto percorrerá os concellos costeiros da comarca para pescudar na súa identidade a través das voces das mulleres que traballan ou traballaron no mar. Nos encontros con estes colectivos apelarase á memoria para recoller retrouxos e melodías que forman parte do patrimonio inmaterial da Mariña Lucense.

“Podémonos achegar á Mariña de moitas formas. Nós escollemos este camiño da visión das mulleres e do poder evocador da música. Iremos pola Mariña adiante descubrindo e aprendendo dos oficios das mulleres. Das redeiras, das percebeiras, e tamén das patroas” relatou o músico e escritor, que ten desenvolvido diferentes proxectos sobre o universo sonoro das mulleres do mar.

Baixo este epígrafe, Ignacio Castro “Nachok”, recoñecido polos seus traballos no ámbito da fotografía artística, especialmente en proxectos editoriais, realizará obradoiros fotográficos co mar e as persoas que viven del no foco.

O traballo desenvolvido polos dous artistas formarán parte dun exposición que incluirá pezas, documentos e materiais das coleccións do Museo do Mar de San Cibrao e que inaugurará o 8 de maio no Museo Provincial de Lugo.

“Chegados os cincuenta anos de historia propoñemos reversionar o Museo do Mar no interior do Museo de Lugo para reivindicar a identidade mariñeira da provincia e reflexar a importancia que a mar tivo como sustento e como porta cara a novos mundos”, expuxo Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial, na presentación do proxecto esta mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou a necesidade de afondar “no recoñecemento e na visibilización da cultura mariñeira, especialmente desde a ollada das mulleres” e agradeceu “o traballo realizado polo persoal da Rede Museística para desenvolver proxectos coma este que nos fan sentir orgulo do propio”.