Vigocultura programa 77 funcións para o primeiro semestre

A programación de Vigocultura durante o primeiro semestre de 2020 incluirá 77 funcións postas en escena por 24 compañías e grupos, que incluirán espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, maxia e circo. A programación comezará na rúa do Príncipe o venres 31 de xaneiro, o sábado 1 e o domingo 2 de febreiro con dúas caravanas que realizarán pases de microteatro cada 15 minutos diante do MARCO.

Ao venres seguinte comezará a programación no Auditorio do Concello, que todos os venres exhibirá espectáculos para adultos cos novos espectáculos de compañías como Contraproducións, Sarabela Teatro, Malasombra Producións (Premio do Público 2019), Marelas Producións, Ibuprofeno Teatro ou Producións Teatráis Excéntricas.

A nova tempada de Vigocultura foi presentada polo alcalde da cidade, Abel Caballero, que destacou  a estrea mundial de dúas compañías viguesas. Por un lado "Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva", da compañía Olivas Negras, e por outro "O libro da Selva", de Teatro Avento. Na vertente máis social, un espectáculo con temática de máxima actualidade. "Jauría" de El Pavón Teatro Kamikaze, un espectáculo recomendado pola Red Española de Teatros, Auditorios, Circuítos y Festivales de Titularidad Pública, baseado na transcrición do xuízo realizado á Manada.

Ademais, Caballero destacou o éxito "excepcional" logrado o pasado ano por Vigocultura con un total de 10.000 persoas no Auditorio Municipal para gozar das 59 funcións programadas con 42 compañías."Durante décadas a programación cultural do Concello de Vigo non existía, a facía a Caixa de Aforros, e tampouco existía o Auditorio Municipal, que se construíu sendo eu alcalde cunha reforma integral", sinalou Caballero durante a rolda de prensa na que compareceu xunto ao concelleiro de Cultura, Abel Losada


Descontos de ata o 50%

Os abonos para a programación deste semestre unicamente poderán adquirirse en Discos Elepé e pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.

Ante o éxito da iniciativa do semestre anterior, e co obxecto de fomentar a asistencia ao teatro da mocidade, o público entre 12 e 18 anos poderá beneficiarse dun 50% de desconto no prezo das entradas adquiríndoas anticipadamente a través de Internet co código de desconto OTEATROMOLA.