O Ribeiro recibe a certificación da ENAC

A Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) comunicou ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro a concesión da acreditación deste organismo para a actividade de certificación de produto de acordo coa norma UNE-EN-ISO/IEC 17065. Este feito supón a culminación dun longo proceso que principiou hai doce anos e que foi posible grazas ao traballo da equipa do Consello Regulador e das adegas inscritas no seu censo.

Contar coa acreditación de ENAC supón superar un proceso de avaliación rigoroso, conforme a normas internacionalmente recoñecidas, que demostra a competencia técnica dun avaliador para realizar a súa actividade en España e no mercado internacional demostrándose así que o nivel de esixencia que se aplica ás empresas e produtos acollidos é uniforme, constatable e verificable por terceiros. 

Con este logro o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro cumpre co requirimento da OCM que obriga a todos os órganos de control dos Consellos Reguladores europeos -responsables da certificación dos viños amparados por denominacións de orixe- a seguir as esixencias da devandita Norma UNE-EN ISO/IEC 17065. 

Esta acreditación é recoñecida e aceptada en máis de 100 países de todo o mundo abrindo, polo tanto, oportunidades para as adegas no estranxeiro xa que cada vez máis é requirida por organizacións do sector público e privado en todo o mundo. 

O mercado global no que vivimos valora moi positivamente a transparencia dos órganos de control xa que cada día é máis esixente coa calidade e a seguridade dos produtos; por iso, segundo Juan M. Casares, presidente do Consello Regulador, “a obtención desta acreditación reforza a marca Ribeiro asociada a viños de calidade diferenciada ao tempo que servirá de respaldo e recoñecemento ao traballo que desenvolven as nosas adegas. Constitúe unha achega máis no intento por consolidar a boa posición dos nosos viños tanto a nivel nacional como internacionalmente e, por suposto, unha axuda para abrir novos mercados por que xera confianza e seguridade no consumidor.” 

Para o presidente do Consello Regulador, “con esta concesión dá por cumprido outro dos obxectivos que se marcara no intre en que asumiu a presidencia deste organismo.”