Avances na ordenación das vivendas de uso turístico en Galicia

A Xunta intensificará os controis sobre as vivendas de uso turístico tras a entrada en vigor o pasado 1 de xaneiro de melloras na súa regulación. Indicouno o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante unha rolda de prensa na que detallou a folla de ruta do Goberno galego para seguir avanzando na ordenación deste fenómeno e na que tamén concretou os cambios normativos que afectan a esta tipoloxía de aloxamento. No acto estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que fixo balance da actividade inspectora levada a cabo neste eido por parte do Goberno galego. 

O titular de Cultura e Turismo destacou que a normativa que entrou en vigor no ano 2017 permitiu regular as vivendas de uso turístico na nosa Comunidade “con eficacia e normalidade”, garantindo a convivencia desta modalidade co resto de tipoloxías de aloxamento e facendo posible que tanto as persoas que ofrecen estes servizos como as que os contratan poidan facelo con garantías e total seguridade xurídica para ambos. Con todo, subliñou a necesidade de “seguir dando pasos adiante” na ordenación deste tipo de establecementos e incidiu na necesidade de frear a oferta ilegal, motivo polo cal se intensificarán os controis neste ámbito. 

Número de rexistro e datos de ocupación 
Ademais de avanzar o aumento da actividade inspectora ao longo do 2020, Román Rodríguez detallou os cambios normativos impulsados polo Goberno galego con respecto a este tipo de establecementos e que entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro. Entre as novidades figura a obrigatoriedade de que todas as vivendas de uso turístico inclúan naquelas plataformas informáticas nas que se oferten o número de rexistro que figura no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT). Trátase dunha medida que ten como finalidade dotar esta actividade dunha maior transparencia, especialmente para os usuarios, permitindo diferenciar a oferta ilegal daquela que cumpre a normativa vixente. 

En paralelo, desde este 2020 será obrigatorio que os propietarios destes establecementos remitan trimestralmente ao Goberno galego os seus datos de ocupación, un aspecto sobre o que até o momento non existen cifras exactas, dado que as vivendas de uso turístico compaxinan o uso residencial co turístico. 

Tal e como concretou o conselleiro de Cultura e Turismo, malia que os cambios entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro, a Xunta levará a cabo durante todo o mes de xaneiro unha labor meramente informativa, dando conta aos propietarios que incumpran algún destes aspectos das modificacións introducidas e da obrigatoriedade do seu cumprimento. Será a partir do mes de febreiro cando se comecen a tramitar as sancións correspondentes que, en función do caso, recaerán sobre os propietarios ou sobre as plataformas comercializadoras. 

Colaboración dos axentes implicados 
Román Rodríguez subliñou que estas novas medidas amosan o compromiso do Goberno galego á hora de seguir ordenando esta modalidade de aloxamento, se ben lembrou que a Xunta non é a única administración con competencias nesta materia, polo que instou ao resto de entes públicos e axentes implicados a colaborar na regulación desta tipoloxía. No caso do Goberno central, reiterou a petición de avanzar nun marco normativo que permita homoxeneizar o regulamentos postos en marcha polas distintas Comunidades Autónomas. Do mesmo xeito, reclamou a implicación das plataformas de comercialización online á hora de atallar a oferta ilegal neste sector. 

Ademais, o titular de Cultura e Turismo lembrou que tanto as comunidades de veciños como os concellos contan con competencias nesta materia. Neste sentido, destacou o acordo alcanzado o pasado verán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a elaboración dunha ordenanza tipo que favoreza que os concellos poidan exercer as súas competencias neste eido con maior facilidade. Asemade, indicou que a Xunta está “a disposición” de todos os concellos para avanzar neste eido. Precisamente, avanzou que nas próximas semanas terá lugar un encontro con representantes do Concello de Santiago para analizar as particularidades deste fenómeno na capital galega. 

Balance da actividade inspectora 
Pola súa banda, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, repasou os datos que amosan a presenza das vivendas de uso turístico na nosa Comunidade e a actividade inspectora levada a cabo por parte da Xunta de Galicia. Así, destacou que marco creado en Galicia, permitiu neste tempo regular 9.872 vivendas de uso turístico, apenas o 0,6% da cifra total de vivendas Comunidade que, segundo o último censo realizado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), é de 1,6 millóns de inmobles. 

No que atinxe ás inspeccións, abríronse 107 expedientes relacionados con vivendas de uso turístico, 64 iniciados de oficio e 43 a partir de denuncias, un feito que “demostra a correcta convivencia deste tipo de establecementos co resto de tipoloxías”. Destes 107 expedientes, tan só 31 derivaron en sancións, a meirande parte delas por infraccións como operar sen estaren inscritas no rexistro, sen presentar a correspondente declaración responsable ou sen obter a debida autorización turística. Trátase de incumprimentos cualificados como graves, segundo a normativa, que implican sancións de entre 900 e 9.000 euros. 

No que respecta ao reparto das vivendas de uso turístico, o concello cunha maior presenza deste tipo de establecementos é Sanxenxo, que supera as 1.700. A moita distancia sitúanse O Grove, Barreiros, Foz, Cangas ou Poio, todos eles por debaixo das 350. Superan esa cifra tres dos destinos urbanos galegos: Santiago de Compostela, con 681, Vigo con 379 e A Coruña con 365.