Ferrol prepárase para o Xacobeo 2021

As concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, mantiveron esta mañá unha primeira reunión co Grupo de Traballo do Camiño Inglés, creado recentemente, e que nace co firme propósito de poñer a punto Ferrol de cara ao próximo ano Xacobeo 2021. 

Os integrantes, ademais do Concello a través das responsables das áreas, son a Dioceses Mondoñedo-Ferrol, a Autoridad Portuaria, a Asociación de Hostalería, a Asociación de Comerciantes A Magdalena, a Empresa Mixta de Turismo, a Asociación do Camiño Inglés, Paferr, Foro Ferrol Vivo, a Asociación cultural Meninas, Fanpa Concepción Arenal e as entidades veciñais dos barrios ferroláns polos que peregrina a ruta xacobea. 

O Grupo de Traballo do Camiño Inglés xa traballa en cinco obxectivos. O primeiro é mellorar a sinalización que marca o trazado, en colaboración co resto de municipios que engloban a ruta inglesa, e a posta en valor dos bens destacados ao seu paso e integrados á súa vez noutros roteiros, como o da Construcción Naval ou o do Modernismo. Tamén contemplan a colocación do paneis informativos en lugares relevantes, como o antigo hospital de peregrinos. 

O segundo obxectivo é o mantemento do trazado do tramo ferrolá para “garantir o paso dos peregrinos nas mellores condicións”, explicou Martínez. A creación dun albergue é outro dos propósitos, xa que ata agora a cidade non conta con ningún. O grupo baralla varias parcelas, como as anexas á casa de Carvalho Calero ou a antiga sede de Aduanas. O Camiño Inglés é o único que ten un orixe marítimo, polo que o cuarto obxectivo é recuperar esta ruta por mar e “poñer en valor este trazado desde Reino Unido o calquera outro punto”, para o que o grupo contaría cos portos doutras localidades. Por último, preténdese traballar de forma coordinada entre administracións, entidades, comerciantes e hostaleiros “para aproveitar as sinerxías que ofrece o Camiño Inglés”. 

Eva Martínez comentou que “o traballo coordinado de todos os axentes implicados pode axudar a que se converta nunha importante fonte de ingresos para a cidade, sobre todo como producto turístico”. Pola súa banda, a concelleira de Turismo lembrou que Ferrol consolidouse como o quinto punto de saída de todos os camiños. Só entre xuño e setembro de este ano foron 10.301 as persoas que iniciaron a ruta desde a cidade naval, 825 máis que nese mesmo período de 2018. 

O equipo de goberno está á espera dunha reunión con representantes do Xacobeo, tanto da Xunta como da Deputación, onde presentarán o Plan Estratéxico que recolle os obxectivos mencionados e tamén se analizarán as liñas de axudas e subvenciones ás que pode optar o Concello. Con esa información, celebrarase unha segunda reunión do Grupo de Traballo, na que se dará prioridade á creación dunha marca.