Aínda non rematou o verán, pero 10 millóns de luces non se instalan en dous días. Por iso no concello de Vigo xa comezaron a montar o seu ambicioso alumeado de Nadal, que pretenden acender o vindeiro 23 de novembro co obxectivo de repetir o tirón de visitantes que acadaron o ano pasado.
Como gran novidade deste ano o alcalde da cidade, Abel Caballero, adiantou que se instalará unha noria xigante na zona da Alameda. Ademais, repetirán o árbore xigante de Nadal, o moneco de neve, a caixa máxica de regalo e a bola de Nadal.
Poboado de Nadal, tres mercadillos, pista de xeo e rampla de neve completan unha oferta coa Caballero espera superar os dous millóns de visitantes que pasaron pola cidade o ano pasado.
O alcalde invitou a toda España a viaxar á cidade e destacou o carácter dos vigueses á hora de recibir aos visitantes, asegurando ademais que está en condicións de garantir que non choverá o 23 de novembro, día do acendido: "haberá un decreto para que non chova, e o resplandor poderá verse desde Madrid, Sevilla, Valencia e Nova York", dixo o alcalde.