Riveira oferta a veciños e visitantes varias rutas en barco e a pé

No ánimo de contribuír a que veciños e visitantes disfruten dos atractivos de Riveira e o seu entorno, o Concello vén de organizar unha programación de actividades para este mes de agosto que inclúe saídas en veleiro pola ría de Arousa, rutas á pé ata o miradoiro de Pedra da Ra e Castro da Cidá e visitas guiadas polo Centro de Intepretación Arqueolóxica de San Roque.

As rutas en veleiro “Riveira no camiño”continuarán os días 16, 20, 23, 27 e 30 de agosto. O seu prezo é de 12€ agás nenos e nenas de ata 12 anos, para os que prezo é de 8€. En cada xornadas realízanse dúas rutas pola mañá (ás 11 e ás 12.30 horas) e dúas pola tarde (ás 17 e ás 18.30 horas). O capacidade da embarcación permite ata un máximo de dez pasaxeiros.

En canto ás rutas a pé ata o miradoiro da Pedra da Ra e Castro da Cidá, celebraranse cada venres de 10.30 a 12.30 horas (grupo mínimo: 8 persoas). Son gratuítas e con este acción aqueles que se animen a participar poderán disfrutar dun miradoiro multipremiado tras a súa recente remodelación, con vistas á ría de Arousa, o parque dunar, o arquipélago de Sálvora etc… Ademais, na cima do Castro da Cidá atópase un xacemento con máis de 2.500 antigüidade que xa foi obxecto de dúas escavacións na presente década e está en proxecto unha terceira grazas a unha subvención outorgada pola asociación Deloa.

Por último, as visitas guiadas polo Centro de Interpretación Arqueolóxica de San Roque terán lugar de martes a domingo ás 20 horas. Tamén son gratuítas e non é necesario facer reserva nin ter un mínimo de persoas. Inclúe a contemplación da exposición permanente “A pegada e o reflexo”, dedicada á prehistoria. A visita pódese contemplar co percorrido polos sendeiros do parque periurbano.