#AÚltimaGranFestaDoVerán, gran cartel o do Caudal Fest

#AÚltimaGranFestaDoVerán así se promociona O Caudal Fest que regresa en setembro a Lugo. O obxectivo para este ano é repetir e superar o éxito acadado na súa primeira edición con máis de 22.000 persoas asistentes, cun cartel máis selecto e plural, tal e como asegurou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no acto de presentación, no que tamén participou o organizador da cita, Iván Méndez, o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, e un representante de Estrella Galicia, patrocinador do evento, Víctor Martiñán.

Durante os días 20 e 21 de setembro, o Caudal Fest ofrecerá a posibilidade de gozar das actuacións de grupos de fama internacional e da paisaxe de Lugo, o río Miño ao seu paso por Lugo; "unha contorna que queremos seguir potenciando dende o Concello", asegurou a Alcaldesa, quen lembrou as nominacións nacionais e a nominación europea que conseguiu o Caudal Fest o pasado ano. Entronca ademais coa intención do Concello de seguir fomentando alternativas e espazos de lecer na cidade.

Nesta liña insistiu Víctor Martiñán, quen amosou o orgulloso de ser partícipe neste evento, que se celebra nun dos mellores emprazamentos festivaleiros de toda Galicia; e Rubén López, quen tamén agradeceu este tipo de iniciativas na contorna do Pazo de Feiras, "algo que temos que valorar e celebrar".

O Concello volve apostar por esta cita cultural, xa de referencia en Galicia, para que Lugo se sitúe no mapa dos festivais urbanos e para impulsar unha festividade vinculada co desenvolvemento sostible do medio ambiente, no que ademais se lle ofrece unha oportunidade a grupos locais.

O Caudal Fest 2019 contará cunha programación variada e de calidade, con dous días completos cheos de concertos como novidade respecto ao ano pasado, ampliando así a oferta musical para as persoas asistentes, tal e como anunciou Iván Méndez. Terá como cabezas de cartel aos madrileños Izal, unha das bandas con máis proxección internacional do panorama actual, e aos navarros Marea, que regresan tras máis de 6 anos sen actividade cun novo disco e unha xira que os levará por gran parte de España onde xa están rompendo récords de asistencia, cun dos poucos concertos que dará en festivais este ano. Ambos darán actuacións de longa duración para deleite de todos os seus fans.

Un dos estandartes da música galega non podería faltar este ano, o gran Xoel López, nin un dos regresos máis esperados da música lucense, Holywater. Tamén haberá lugar para a música máis actual coa actuación do exitoso Beret ou un dos artistas revelación deste ano, Carolina Durante.

Tampouco faltará a festa coas actuacións de La Pegatina e La Maravillosa Orquesta del Alcohol, La M.O.D.A., nin o lado máis urbano do noso público grazas ao rapeiro ToteKing. 

Los Bengala, Agoraphobia, Bocanada, Tigre y Diamante, e Galician Army serán outras das actuacións que formarán a programación do Caudal Fest 2019.

Da mesma maneira que na anterior edición, o evento volverá a converterse nun referente para Lugo e para toda Galicia, sendo un dos maiores festivais de toda a comunidade e un dos principais de todo o norte de España.

En plena era na que os festivais reinan como opción principal de ocio e turismo para un amplo sector da sociedade, o obxectivo será de novo promover a propia cidade, as súas impresionantes paisaxes e seu patrimonio turístico e ambiental único. Unha relación sinérxica na que Lugo recibe o festival os brazos abertos aos seus visitantes, ansiosa de por fin poder gozar dun evento destas características un entorno sen igual e que sitúe a Lugo no mapa cultural e turístico.

Cos hoteis 100% esgotados con semanas de antelación e unha maioría de asistentes de fóra da provincia, o Caudal Fest eríxese como unha das festas principais de Lugo xunto o San Froilán e o Arde Lucus, tanto a nivel de retorno mediático como no de impacto económico.

Onde a natureza, a historia e a música se xuntan

O Caudal Fest é un festival verde, situado no xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, a carón do río Miño e rodeado de vestixios históricos e patrimoniais de todo tipo, a Ponte Romana e as Terms Romanas, e moi preto da Muralla. Grazas a isto, o festival convértese nun punto de encontro e harmonía entre a natureza, o histórico e a música.

A zona de descanso do festival onde acampan os seus asistentes é unha proba máis da coexistencia coa natureza, onde un pode espertar e erguerse fronte ao río Miño e logo gozar da cidade e da súa gastronomía a tan só 10 minutos andando do recinto.

O festival aposta, sen dúbida algunha, polo respecto ao medio ambiente e pola historia que enche cada recuncho da cidade.


Cartel variado e de calidade

O organizador da cita, quen agradeceu a colaboración ao Concello, deu a coñecer un por un, os artistas e grupos que compoñen o cartel deste ano do Caudal Fest, un evento que axuda a facer cidade:

Izal: Os madrileños Izal non paran de colleitar triunfos dende os seus primeiros traballos e a día de hoxe son unha das bandas máis exitosas do panorama actual e do indie español. Cancións tan famosas como “Copacabana”, “Pequeña Gran Revolución o “Qué bien” fixeron que co seu último traballo “Autoterapia” enchesen recintos tan emblemáticos como o Wizink Center de Madrid ou o Coliseum de A Coruña. Agora actuarán por primeira vez no Caudal Fest como cabezas de cartel e con toda a súa producción que nos deixará abraiados a todos.

Marea: “El Azogue” é o disco co que regresan os navarros Mareatras un descanso de máis de 6 anos e co cal sitúanse unha vez máis como unha das bandas de rock máis importantes do país, chegando a ser número 1 en ventas no seu lanzamento. Serán cabezas de cartel cunha actuación especialde moi longa duración e cun dos poucos concertos que darán en festivais en 2019, facendo desta unha actuación moi exclusiva.

Beret, o sevillano do momento, está a romper todo tipo de barreiras coa súa mestura de pop, rap e reggae. Aos seus 22 anos publicou 3 discos, ten lanzado hits súper adictivos, puxo patas para arriba a escena musical urbana española e está disposto a conseguir todo o que se propón: dobre disco de platino por “Lo Siento”, 3 Discos de Ouro, nº1 dos 40 Principales, 4 millóns de oíntes mensuais en Spotify… O talento e a proximidade parecen ser as claves do seu éxito entre o público máis novo. Iso e as súas letras, nas que plasma de forma directa, sinxela e sincera os problemas de toda unha xeración que se identificou coa súa forma de entender a vida.

Xoel López: sen dúbida, un dos artistas galegos máis importantes. Xoel López, que tras 20 anos de exitosa carreira con proxectos como Elephant Band ou Deluxe, triunfa en solitario con discos como “Sueños y Pan” e distintivos premios como o de Mellor Artista Nacional nos Premios de la Música Independiente 2013.

La Pegatina: falar de La Pegatina é falar de festa, enerxía e diversión. O espectáculo dos catalanes fará que bailemos sen parar éxitos como “Mari Carmen” ou “Lloverá y Yo Veré”, tanto cancións de rumba, como de ska, ou merengue.

LA MODA: un dos grupos que máis creceron nos últimos anos son La Maravillosa Orquesta del Alcohol, máis coñecidos polo nome de La M.O.D.A. Un septeto acústico con influencias folk, blues, rock & roll e punk procedente de Burgos que posee unha proposta única cun gran punto forte, que é o seu directo. ‘Salvavida (de las balas perdidas)’ é o seu último disco ata a data.

ToteKing: o rapeiro sevillano ToteKing é un dos máis veteráns que aínda está presente na escea actual. Tamén considerado como “rapero ilustrado”, vén de publicar o seu último álbum chamado “Lebron”.

Carolina Durante: unha das bandas revelación dos últimos tempos, acadaron o éxito co seu tema “Cayetano” que os lanzou á fama a nivel nacional, convertíndoos nun dos fixos en grandes e pequenos festivais de toda a xeografía. Non quixeron perder a oportunidade de incluir Lugo nas súas paradas para presentar o seu disco debut homónimo.

Holywater: tras un parón de 7 anos, os lucenses Holywater voltan por todo o alto co seu novo disco “Arboreal”. Sendo un dos grupos de referencia de Lugo, non podían faltar no principal festival da cidade.

Los Bengala: dende Zaragoza veñen o dúo Los Bengala, creadores dun surf rock e rock’n’roll contaxioso que farán bailar a todos os asistentes á nova edición do Caudal Fest.
Agoraphobia: un dos principais grupos galegos que actuaron en festivais tan grandes como o Mad Cool, Bilbao BBK Live ou Resurrection Fest, liderado maioritariamente por mulleres. O seu último traballo chámase “Incoming Noise”.

Bocanada: os navarros Bocanada tamén acompañarán a Marea nesta data tras ser un dos convidados de honra de case toda a súa xira de reunión, presentando temas do seu último disco “Libres”.
Tigre y diamante: o dúo xixonés Tigre y Diamante veñen de publicar “Buena Gente”, o seu primeiro disco que xunto co seu EP “II”, amosarannos por que son unha das promesas da música alternativa do país.

Galician Army: Galician Army é un dúo lucense de DJs e produtores que dende a súa formación acadaron o recoñecemento de grandes revistas especializadas e centos de miles de reproduccións nas plataformas dixitais de música. No Caudal Fest serán os encargados de pechar a festa o derradeiro día por todo o alto
.