A Deputación da Coruña coordina as primeiras xornadas do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

Os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño terán lugar as primeiras xornadas formativas e informativas do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, coordinadas pola Área de Turismo da Deputación da Coruña. Teñen como finalidade dar a coñecer o proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal tanto a poboación como a todos os entes interesados, pero facendo fincapé na implicación dos axentes locais: concellos, Xunta de Galicia, asociacións locais, universidade, comunidade educativa, entre outros. 

O obxectivo é facer chegar a toda a poboación tanto o proxecto como o procedemento de posta en funcionamento, no que destaca a creación dun plan de turismo sustentable, unha investigación profunda do territorio e un modelo educativo que realce os valores biolóxicos, xeolóxicos e culturais do territorio.

As xornadas vanse realizar durante tres días. O 31 de maio, venres, pola tarde, terán lugar no auditorio da casa da cultura de Cariño, na que o co-coordinador desta actividade e avaliador da UNESCO para o programa de xeoparques, Asier Hilario, encargarase da súa apertura cun relatorio marco sobre o papel sustentable e innovador dos xeoparques. Continúan na tarde do venres o xeólogo Fran Canosa, cunha charla sobre os principais valores xeolóxicos, biolóxicos e culturais do territorio, e pecha o técnico de desenvolvemento local do concello de San Sadurniño, Ignacio Fernández que fará fincapé na posta en valor e no impacto do tecido económico e social que terá o proxecto de xeoparque.

O sábado a actividade trasládase ao teatro da Beneficencia de Ortigueira con sesión de mañá e tarde. Abre as xornadas o prestixioso científico e avaliador da UNESCO Artur Agostinho de Abreu e Sá, que explicará a rede de xeoparques mundiais da UNESCO e a xestión do xeoparque de Arouca. Continúa Asier Hilario co exemplo de xestión do xeoparque de Costa Vasca e pecha Martín Alemparte, coordinador do xeoparque Montañas do Courel, que vén de recibir a distinción da UNESCO neste mesmo ano.

O serán está dedicado a levar a cabo tres mesas de traballo que versarán sobre modelos de xestión, ciencia e biodiversidade e xeoturismo e educación. O obxectivo é manter dinámicas participativas temáticas con axentes do territorio para, por unha banda facer partícipe aos actores do territorio e, por outra, obter un estado da cuestión sacando as liñas de traballo imprescindibles no desenvolvemento do proxecto de xeoparque.

Para rematar este intenso fin de semana, o domingo 2 de xuño realizarase unha visita guiada polo territorio co obxectivo de debater sobre os recursos así como ver as necesidades de mellora e a articulación de infraestruturas. A visita comeza diante do Concello de San Sadurniño e a Deputación da Coruña fretará un bus para o desprazamento entre os diferentes puntos que o xeólogo Fran Canosa percorrerá cos asistentes.