Semana Santa de Viveiro, 8 séculos de historia

Viveiro, aquí a Semana Santa, Festa de Interese Turístico Internacional dende o ano 2013, é unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia. Foi a primeira na nosa comunidade, en toda a cornixa cantábrica en obter dita distinción e é a única festa da provincia de Lugo con este recoñecemento.

Hai varios factores que a fan única. Por unha parte, a súa antigüedade, pois tense constancia que dende o establecemento en Viveiro de Franciscanos e Dominicos no século XIII, se realizaban distintas escenificacións para amosar ao pobo a paixón de Cristo.

Os dous actos principais chegaron ata os nosos días tal e como se celebraban na Idade Media: o Encontro e o Desencravo, ademais da rica imaxinería das distindas Confrarías con verdadeiras obras de arte realizadas entre os séculos XV e XXI.

Á espera dun museo, a Semana Santa de Viveiro conta cunha exposición permanente no claustro do antigo convento de San Francisco onde se pode contemplar un rico patrimonio sacro. En Viveiro os visitantes poden disfrutar dos desfiles procesionais nun casco histórico medieval e rodeados dun marabilloso entorno natural. E o máis importante, a implicación de todo un pobo na súa máis querida celebración, non en balde máis de 3.000 vivarienses forman parte dalgunha das 8 confrarías da Semana Santa.

Esta implicación, co apoio incondicional de todas as institucións locais encabezadas polo Concello, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia, fan posible, que despois de 8 séculos de  historia, a Semana Santa de Viveiro siga sendo un referente.